O BNG RECLAMA “QUE OS GRUPOS LUCENSES SEXAN PROTAGONISTAS NO SAN FROILÁN”

O BNG RECLAMA “QUE OS GRUPOS LUCENSES SEXAN PROTAGONISTAS NO SAN FROILÁN”

A eliminación do escenario de Campo Castelo reduce as posibilidades de que os grupos locais dispoñan de espazos onde actuar

Antón Bao pediulle ao equipo de goberno “que non haxa un retroceso de ningún tipo na participación de lucenses nas súas propias festas”

Lugo, 17 de agosto de 2013. Unha vez que se van coñecendo datos sobre o que serán as festas do San Froilán 2013, Antón Bao dirixiuse ao goberno municipal para reclamar que se manteña o nivel de participación de grupos lucenses que se acadara nos últimos anos. O voceiro do BNG pide que “os grupos, agrupacións e colectivos lucenses sexan protagonistas nas festas do San Froilán”. Bao lembrou que “durante os últimos anos os grupos lucenses encheron as prazas e rúas coas súas actuacións”. Para Bao “que os lucenses teñan participación nas festas é fudamental” por que “esta é a alma das propias festas”.

Antón Bao lembrou que, mentres o BNG tivo responsabilidades na organización das festas, contouse con todos os grupos lucenses para que actuaran no San Froilán. Bao concretou que o pasado ano foron un total de 12 grupos lucenses os que se integraron no programa de festas e actuaron nas mesmas condicións e escenarios que o resto de grupos e artistas contratados. Bao explicou que “durante a época na que o BNG estivo ao cargo da concellería de cultura establecerase un sistema de rotación para que todos os grupos lucenses tiveran espazo nas festas de Lugo en anos sucesivos”. Este sistema artellarase dada a grande cantidade de grupos, de diferentes estilos musicais, exsitentes.

(ver máis información en:

http://www.lugo.es/cs/Satellite?c=Spark_Novas&cid=1227510577570&idioma=es&pagename=Lugo%2FSpark_Novas%2FLugoNoticiaDetalle ).

Antón Bao referiuse, tamén, á participación popular á hora de escoller os grupos participantes no San Froilán e dixo que “o BNG artellara un sistema para que a xente tivese participación á hora de escoller os grupos e o máis votado a través daquel sistema fora precisamente o grupo lucense Clave de Fado que actuou, con grande éxito, na praza de Sta. María nun  dos días principais das festas”.

Eliminación do escenario de Campo Castelo

O voceiro nacionalista fixo referencia ao anuncio, por parte da responsable de cultura, turismo e xuventude, da eliminación do escenario que en anos pasados se situaba na praza do Campo Castelo. Para Antón Bao a  desaparción deste escenario “merma as posibilidades de presenza de grupos locais nas festas do San Froilán”. Antón Bao referiuse tamén á festivais e eventos que diversas entidades lucenses organizaron, dentro do programa de festas, neste escenario do Campo Castelo e que este ano corren o risco de desaparecer como o caso do Festival de Noso, organizado pola Asociación Cultura do País; o festival Zumbanocoiro, organizado pola Asociación Cultural A Volta do Agro; e o festival Sanfroidance de música electrónica.

O BNG RECLAMA “QUE OS GRUPOS LUCENSES SEXAN PROTAGONISTAS NO SAN FROILÁN”