OS GRUPOS DA OPOSICIÓN SOLICITAN UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA PEDIR A DIMISIÓN DO ALCALDE DE BARALLA
Un alcade que avala e defende os crimes da alcaldía non pode seguir un minuto máis no seu cargo dixo o voceiro do BNG en Baralla
O BNG anunciou que levará mocións a todos os concellos da provincia para pedir a dimisión do alcalde de Baralla
Baralla, 16 de agosto de 2013. O voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, anunciou que os grupos da oposición na corporación municipal de Baralla veñen de presentar unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario que terá como único punto, na orde do día, a petición de dimisión do actual alcalde. Esta solicitude de dimisión ven motivada polas graves afirmacións que fixo González Capón no transcurso do último pleno muncipal nas que , dixo que os que foron condenados a morte durante o franquismo será que lo merecían. Xosé Manuel Becerra destacou que a pesares da gravidade das súas afirmacións González Capón aínda segue ostentado os cargos de alcalde de Barralla e deputado do provincial na Deputación de Lugo.
O voceiro municipal do BNG en Baralla, X. M. Becerra, lembrou en que esas afirmacións se realizaron no pleno do 26 de xullo e as desculpas non foron inmediatas nin moito menos, senón que se produciron dez días despois, circunstancia que pon en evidencia a falacia dos argumentos do Partido Popular. Para o BNG é inadmisible que o PP non teña obrigado a dimitir a González Capón xa que, segundo Becerra a gravidade dunha postura como a que evidenciou o alcalde de Baralla non permite que siga nun cargo institucional da democracia unha persoa que defende as actuacións dun rexime totalitario.
Becerra argumentou que os grupos da oposición solicitaron a celebración deste pleno extraordinario pola gravidade dos feitos e pola inacción dos responsábeis do partido popular que permiten que esta persoa continúe a ocupar cargos de representación do pobo, obtidos nun sistema democrático que nada ten que ver coa ideoloxía que reflexan as verbas de González Capón .
Mocións en todos os concellos da provincia
Esta mesma mañá responsábeis comarcais do BNG presentaron a moción que a formación nacionalista vai levar a todos os concellos da provincia para solicitar, ao Partido Popular, a destitución de Manuel González Capón tanto do seu cargo como alcalde de Baralla como do de deputado provincial e, ao mesmo tempo, amosar o apoio dos nacionalistas á rehabilitación pública das vítimas franquistas en cada concello. Para os nacionalistas estas afirmacións constitúen un ataque a todas as vítimas do franquismo, que só na nosa provincia superan as 3.000 persoas, así como ás súas familias, ao que se suma a actitude lamentábel adoptada neste asunto polos dirixentes do Partido Popular de Lugo e de Galiza, posto que non é suficiente con que lamenten as súas declaracións, é preciso que o destitúan de todos os seus cargos.