O BNG ESIXIRÁ EN TODOS OS CONCELLOS A DESTITUCIÓN DE GONZÁLEZ CAPÓN

O BNG ESIXIRÁ EN TODOS OS CONCELLOS A DESTITUCIÓN DE GONZÁLEZ CAPÓN

Os nacionalistas cren que non é suficiente que os populares lamenten as declaracións vertidas polo alcalde de baralla e esíxenlle a súa dimisión

“O Partido Popular ten diante súa unha boa oportunidade de rachar coa súa posición tradicional de defensa do franquismo” – afirmou Ana Ermida

Lugo, 5 de agosto de 2013. Unha delegación de membros do Bloque Nacionalista Galego da provincia de Lugo, formada por Ana Ermida, responsábel comarcal da formación na Mariña, Ricardo Rodicio, responsábel comarcal da formación en Lugo-Sur, e Esther López, responsábel comarcal do BNG en Lugo-Centro, presentou, esta mañá, na sede do Bloque en Lugo, a moción que a formación nacionalista vai presentar en todos os concellos da provincia para solicitar ao Partido Popular a destitución de Manuel González Capón tanto do seu cargo como alcalde de Baralla como do de deputado provincial e, ao mesmo tempo, amosar o apoio dos nacionalistas á rehabilitación pública das vítimas franquistas en cada concello.

Coa presentación desta moción, os nacionalistas pretenden que o Partido Popular condene as declaracións vertidas polo alcalde de Baralla, o popular Manuel González Capón, no último pleno municipal, no que afirmou que “os que foron condenados a morte será porque o merecían”, e que o obriguen a dimitir dos cargos públicos que ostenta actualmente.

Para os nacionalistas estas afirmacións “constitúen un ataque a todas as vítimas do franquismo, que só na nosa provincia superan as 3.000 persoas, así como ás súas familias, ao que se suma a actitude lamentábel adoptada neste asunto polos dirixentes do Partido Popular de Lugo e de Galiza, posto que non é suficiente con que lamenten as súas declaracións, é preciso que o destitúan de todos os seus cargos”.

Por todo isto, o BNG solicita ao Partido Popular que se comporte conforme ao que establece a práctica democrática normal e non de acordo aos principios fundamentais do movemento, posto que “os populares teñen diante súa unha boa oportunidade de rachar coa súa posición tradicional de defensa do franquismo”

O BNG ESIXIRÁ EN TODOS OS CONCELLOS A DESTITUCIÓN DE GONZÁLEZ CAPÓN