O BNG RECLAMA A ELIMINACIÓN DE VERTEDOIROS INCONTROLADOS DE LIXO

O BNG RECLAMA A ELIMINACIÓN DE VERTEDOIROS INCONTROLADOS DE LIXO

Para os nacionalistas “a falta de dirección política na concellería de medio ambiente provoca un retroceso en algo no que se tiña avanzado nos últimos anos”

Paz Abraira advertiu da existencia dun vertedoiro nas proximidades da N-VI

Lugo, 14 de agosto de 2013. O BNG reclama do concello de Lugo a eliminación de vertedoiros incontrolados de lixo. Paz Abraira sinalou que “o concello tiña feito un bo traballo neste aspecto pero a falta de dirección política na concellería de medio ambiente provoca un retroceso en algo no que se tiña avanzado nos últimos anos”. Abraira denunciou a existencia dun vertidos incontrolados de lixo nunha carballeira da zona de Marcelle nunha das pistas que unen a N-VI coa estrada de Ombreiro.

A edil nacionalista xa denunciara o pasado mes de xullo a existencia deste punto de vertidos de lixo incontrolado. Segundo Paz Abraira “a cantidade de lixo neste punto incrementouse considerablemente dende que o BNG denunciou a súa existencia”. Ademais do punto de vertido localizado na propia carballeira hai vertidos ao longo das cunetas da pista que une a N-VI coa estrada de Ombreiro. A falta de solución por parte do concello acrecenta o problema co paso do tempo segundo asegurou a edil do BNG.

Para o BNG é fundamental que o goberno municipal retome as rendas políticas da concellería responsable do medio ambiente para dar solución a este tipo de cuestións que afectan á calidade ambiental do entorno. O BNG denunciara tamén a falta de coidado na limpeza da vexetación espontánea nas beirarúas do casco urbano.

O BNG RECLAMA A ELIMINACIÓN DE VERTEDOIROS INCONTROLADOS DE LIXO