O BNG RECLÁMALLE AO GOBERNO MUNICIPAL O MANTEMENTO DOS PANEIS INFORMATIVOS NO CAMIÑO PRIMITIVO
Ante o visible deterioro da sinalización recentemente instalada os nacionalistas presentaron no concello unha iniciativa
Se queremos que Lugo sexa un atractivo turístico compre manter en bo estado os elementos informativos sinalou Cristina Ferreiro
Lugo, 15 de novembro 2014. O BNG presentou unha serie de preguntas dirixidas ao goberno municipal socialista para coñecer cales son os plans de mantemento da sinalización turística no concello. Cristina Ferreiro puxo como exemplo desta desatención o caso do panel instalado na parroquia de San Xoan do Alto que se atopa tirado no chan. Ferreiro explicou que ademais da carencia de información para os visitantes e peregrinos o actual estado destes paneis supón unha moi mala imaxe.
Concretamente o panel informativo de San Xoan do Alto, que se atopa deteriorado, foi instalado cando o concello de Lugo acometeu o programa Terras de Auga e Cultura. Este programa comtemplaba a instalación de paneis informativos en diversos lugares de interese artístico e patrimonial. O programa, impulsado dende a concellería de CULTURA E PROMOCIÓN DA LINGUA, TURISMO E XUVENTUDE do concello de Lugo, contou con finanzamento de diversas administracións e foi posto en marcha xunto con outros concellos da contorna.
Dende o BNG xa solicitaron a reparación do panel informativo de San Xoan do Alto e pediron, tamén, que se faga unha revisión de todos os paneis instalados polo concello a través de diferentes plans de promoción turística. Cristina Ferreiro lembrou que recentemente a corporación municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa que o BNG levou ao pleno municipal para adecentar a Calzada da Ponte que é unha das vías polas que transitan gran número de peregrinos e turistas ao seu paso por Lugo.