O BNG VOTOU CONTRA A DECISIÓN DE PP E PSOE DE ENTREGAR 600.000 AO CD LUGO PARA CONVERTIRSE EN SAD
Antón Bao anunciou que o BNG vai propoñer ao concello que configure unha pequena banca pública
Bao pregunteulle ao voceiro do PP polo seu atrevemento a aprobar esta operación cando a Xunta non ten permitido investir en accións das SAD
Lugo, a 28 de maio de 2013. O BNG votou en contra da modificación de crédito no pleno extraordinario do Concello de Lugo no que PP e PSOE aprobaron entregar un total de 600.000 para a compra de accións do CD Lugo. O voceiro do BNG no concello, Antón Bao, dixo que analizando o contexto socioeconómico no que nos atopamos, no cal o drama do paro está a provocar situacións terribles no conxunto da cidadanía: situacións de extrema pobreza, desafiuzamentos, carencias en consumo de alimentos, xunto á política de recortes en servizos esenciais aplicados polos gobernos do Partido Popular, fan difícil entender que algunhas administracións públicas dediquemos unha porcentaxe máis que importante dos nosos recursos a crear unha Sociedade Anónima Deportiva. Antón Bao sinalou que esta postura do BNG é coherente co liña política que mantén, dende sempre, de opoñerse á entrada das institucións no accionariado das Sociedades Anónimas Deportivas.
Antón Bao, que iniciou a súa intervención felicitando ao CD Lugo polos seus resultados deportivos, dixo que esta decisión marca uns precedentes e agravios nas esferas deportivas, empresariais e cidadás de difícil encaixe. Bao asegurou que esta operación queda plasmada nun protocolo que deixa no aire moitas dúbidas e lembrou que o goberno municipal ten dito, sobre moitas materias vinculadas á dispoñibilidade orzamentaria, que a prioridade absoluta é atender á xente.
O voceiro do BNG explicou, na súa intervención no pleno, que con esta operación dase por suposto un montante de subvencións futuras para este clube deportivo durante os vindeiros anos que non é acorde coa inestable situación económica das entidades locais. Para o BNG os modelos de creación das SAD deben apostar por unha implicación moita máis intensa das sociedades nas que están implantadas. Bao cuestionou o modelo do fútbol profesional ao que acusou de ser unha burbulla económica á redor da crea un gran negocio que afoga a clubes como o CD Lugo.
Pequena Banca Pública no concello de Lugo
Bao anunciou que, tras este desembolso económico por parte do concello de Lugo para constituir unha S.A., o BNG vai propoñer ao concello que configure unha pequena banca pública para que empresas, autónomos e entidades poidan acceder a crédito e manteñan a súa viabilidade nestes momentos de crise. O BNG propoñeralle ao concello que apoie decididamente a creación de emprego e mantemento do tecido de pequenas empresas e autónomos cun plan de emerxencia económica. Bao dixo que agardamos que despois disto non haxa nin a máis mínima pega, nin reticencias á hora de poñelo en marcha.