CABEZAS DE LISTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS APOSTAN POR UN TRATAMENTO DO LIXO ALTERNATIVO

CABEZAS DE LISTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS APOSTAN POR UN TRATAMENTO DO LIXO ALTERNATIVO

IMG_9495Rubén Arroxo afirmou que “ao lixo hai que darlle unha solución sustentable, non pode ser un negocio para grandes empresas e a ruina dos nosos concellos”

Mario Outeiro afirmou que “a Deputación de Lugo terá que apostar tamén por estudar proxectos comarcais para o tratamento do lixo”

Lugo, 23 de abril 2015. Cabezas de lista do BNG – Asambleas Abertas de diversos concellos concentráronse hoxe diante da planta de transferencia de SOGAMA en Lugo para anunciar a súa proposta de pular por unha alternativa de xestión do lixo dende as institucións nas que gobernen a partir do 24 de maio. Rubén Arroxo afirmou que “ao lixo hai que darlle unha solución sustentable, non pode ser un negocio para grandes empresas e a ruina dos nosos concellos”. Arroxo lembrou que “o tratamento do lixo cústalle a Lugo preto de 80 € por tonelada procesada”.

Arroxo acusou ao PP de querer “amarrar a todos os concellos a SOGAMA xogando a baixar as taxas en anos electorais e subilas cando as empresas lles apretan dende Madrid para mellorar os seus beneficios”. Rubén Arroxo lembrou que “sempre tivemos claro que Lugo precisa unha planta de compostaxe propia para reducir os custos de transporte e procesamento”. “Dende os concellos faremos programas de compostaxe caseira por que non é normal que teñamos que pagar por procesar a materia orgánica e despois a xente compre o compost nas grandes áreas comercias”.

Mario Outeiro afirmou que “dende as institucións nas que gobernemos faremos un frente común buscando modelos alternativos e para que os concellos non sexan reféns deste modelo SOGAMA”. Outeiro sinalou que “mentres o PP, no goberno da Xunta, siga empeñado en priorizar os beneficios das grandes empresas que participan da sociedade de SOGAMA por riba dos intereses dos concellos nos buscaremos alternativas máis sostibles e que non signifiquen o afogo económico e obrigado dos orzamentos municipais”.

Outeiro dixo que “a Deputación de Lugo terá que apostar tamén por estudar proxectos comarcais para o tratamento do lixo”. “Non é normal que se paguen 150 millóns de euros anuais por levar o lixo dende todos os concellos galegos a unnha única planta situada en Cerceda” explicou Mario Outeiro e engadiu que “pode haber plantas de compostaxe nas comarcas para os residuos biodegradables que reduzan considerablemente os custos de transporte e o número de toneladas a transportar”.

Dende o BNG – Asambleas Abertas sinalaron que “a xestión do lixo é un dos cachos do pastel que se reparten as grandes empresas que, dende Madrid, fan un negocio nos concellos galegos de máis de 3.000 millóns de euros” e explicaron que “o 49 % do acccionariado de SOGAMA está en máns de grandes empresas como Gas-Natural que lle saca un doble beneficio ao lixo galego, cobrando por xestionalo e xenerando electricidade coa combustión dos residuos”.

Neste acto reivindicativo participaron cabezas de lista do BNG – Asambleas Abertas dos concellos de Abadín, Baralla, Castroverde, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Sarria, Friol, Navia de Suarna, Becerreá, A Pastoriza, Lugo, Guntín, Monterroso, Baleira e O Corgo.

CABEZAS DE LISTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS APOSTAN POR UN TRATAMENTO DO LIXO ALTERNATIVO