CADEA HUMANA NO MIÑO CONTRA A GASOLINEIRA DE CARREFOUR

CADEA HUMANA NO MIÑO CONTRA A GASOLINEIRA DE CARREFOUR

IMG_5723  O BNG convocou esta concentración para rexeitar a instalación dunha área de servizo no centro comercial de As Saamasas e reivindicar a creación dunha zona pública de baño no río Miño

O vindeiro xoves está convocada unha xuntanza aberta a persoas e colectivos para a posible creación dunha plataforma que lle faga fronte a esta nova agresión ambiental

Lugo, a 12 de setembro de 2014. Unha cadea humana manifestou hoxe, dende o caneiro das Illas, o rexeitamento a apertura dunha nova gasolineira na área comercial de As Saamasas. Diversos colectivos e persoas a nivel individual secundaron esta convocatoria do Bloque Nacionalista Galego para reivindicar, tamén, a necesidade dunha zona de baño pública para todos e todas as lucenses. “Con esta acción pretendemos materializar a indignación e a preocupación dunha parte importante da sociedade lucense” sinalou Alexandre Penas. Entre outros colectivos apoiaron esta mobilización a Federación Lucense de Asociacións de Veciñais e UNAVE.

Durante a concentración houbo criticas contra as administracións implicadas á hora de conceder os correspondentes permisos para a instalación desta área de servizo xa que, segundo Alexandre Penas, “mentres que resulta practicamente imposible a creación dunha zona de baño nesta mesma zona é posible instalar unha área de instalación”.

IMG_5734Alexandre Penas lembrou que “no pasado pleno do mes de setembro a corporación municipal aprobou unha moción, cos votos en contra do PP, compromenténdose a que o concello de Lugo estudiaría todas as posibilidades legais para paralizar esta construción”. Penas explicou que “neste momento o concello de Lugo otorgou, obrigado pola lei de empredemento do PP, a licenza de obra para esta estación de servizo”. O responsábel local do BNG de Lugo sinalou que “o BNG presentará iniciativas neste mesmo senso no congreso dos deputados e no parlamento galego”.

A instalación desta estación de servizo vai supoñer a colocación, a menos de 100 metros do cauce do río Miño, duns depósitos con capacidade para albergar máis de 100.000 litros de combustibles. Alexandre Penas dixo que “son numerosos os colectivos de ámbito social e veciñal que manifestaron o seu rexeitamento a esta instalación e que hoxe están aquí presentes”. Penas lembrou, tamén, que “no seu momento, houbera importantísimas protestas pola instalación desta área comercial nas proximidades do río Miño” aínda que “foi o BNG a única forza política que se opuxera á construción desta área comercial”.

IMG_5712Creación dunha plataforma

O vindeiro xoves está convocada unha xuntanza aberta para a posible creación dunha plataforma que lle faga fronte a esta nova agresión ambiental. A convocatoria quedou fixada, entre as persoas e colectivos asistentes á cadea humana de hoxe, para o xoves, 18 de setembro, ás 20:00 no salón de actos da casa sindical. Esta xuntanza será aberta a todas as persoas e organización que se queiran implicar nesta demanda cidadá de respeto polo río Miño.

Un engano

“É un engano que o presidente da Xunta queira facernos ver que coa chegada destas gasolineiras vai baixar o prezo do combustible” afirmou Penas. O único que se pretende con este tipo de instalación é favorecer ás grandes áreas comerciais. Hoxe en día os lucenses non teñen a necesidade dunha nova estación de servizo xa que a cidade conta con suficientes gasolineiras. O Partido Popular, con esta lei de empredemento favorece ás grandes áreas comerciais e retíralle competencias aos concellos. A lei de emprendemento obriga aos concellos a permitir gasolineiras nas áreas comerciais incluso onde a ordenación do chan non o permita. Penas engadiu que “é intolerable que un particular non poida construír a súa vivenda nunha parcela, se a normativa non o permite, pero si que se teña que autorizar unha instalación deste tipo por imperativo legal”.

CADEA HUMANA NO MIÑO CONTRA A GASOLINEIRA DE CARREFOUR