O CONCELLO COBRARALLE AOS VECIÑOS E VECIÑAS O TAXAZO DE SOGAMA
Pendente dun informe dos servizos xurídicos, o goberno municipal ten decidido repercutir nos usuarios a taxa imposta polo PP sobre o procesamento do lixo a través de SOGAMA
Para Paz Abraira o tema de SOGAMA tamén podería formar parte dos acordos de Orozco co PP
Lugo, a 27 de agosto de 2014. Das respostas que o goberno municipal deu, na comisión de Medio Ambiente, ás preguntas do BNG dedúcese claramente que o concello de Lugo vai repercutir sobre os usuarios o importe do incremento da taxa que SOGAMA lle cobra ao concello de Lugo pola xestión do lixo. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, informou que a decisión do goberno está pendente dun informe dos servizos xurídicos pero todo apunta a que o concello pagará o incremento da taxa e este será repercutido sobre os veciños e veciñas de Lugo. Paz Abraira apuntou que o tema de SOGAMA tamén podería formar parte dos acordos de Orozco co PP.
Paz Abraira criticou ao goberno municipal e dixo que unha mostra máis da incapacidade deste goberno é que dende o mes de marzo o concello de Lugo non pagou as facturas a SOGAMA e a día de hoxe non foron capaces de aclarar xurídicamente a situación. O único que ten claro este goberno do PSOE é que en caso de ter que pagarlle a SOGAMA o concello vailles cobrar aos lucenses ese incremento dun servizo que é claramente deficiente afirmou Abraira.
A aplicación deste canon da auga supón aproximadamente un 12% para os domicilios particulares e representa un 4% para os locais de oficina. A suba que SOGMA lle vai aplicar ao concello de Lugo non vai supoñer ningunha mellora para ninguén agás para salvar o resultada de contas das compañías electricas que teñen participación accionarial en SOGAMA. A suba imposta por SOGAMA, coa conivencia da Xunta de Galiza e do PP, aplicouse de xeito unilateral por parte da empresa, sen contar para nada cos concellos, e incumprense os contratos suscritos entre os entes municipais e a empresa para o tratamento do lixo.
Alternativas a SOGAMA
A edil nacionalista lembrou que o concello de San Sadurniño, gobernado polo BNG, organizará unhas xornadas para estudar diversas alternativas á xestión de residuos. Unhas alternativas que deben pasar pola redución e pola creación de plantas de tratamento nas distintas zonas xa que non é normal andar paseando o lixo por todo o país afirmou Abraira. A edil nacionalista lembrou tamén que no bipartito no que participou o BNG entre os anos 1999 e 2003 estaba prevista a creación dunha planta de compostaxe para o concello de Lugo, unha planta á que se negou Orozco e que hoxe tería solucionado o problema que se lle plantexa agora ao concello. Os cartos da Xunta solo se destinan a SOGAMA. Abraira tamén se referiu á planta de tratamento do Barbanza á que á que se acaba de sumar, o concello de Rianxo, tamén gobernado polo BNG.