UN INFORME DA CASA DA MULLER DALLE A RAZÓN AO BNG EN RELACIÓN Á PUBLICIDADE DE TIPO SEXISTA

UN INFORME DA CASA DA MULLER DALLE A RAZÓN AO BNG EN RELACIÓN Á PUBLICIDADE DE TIPO SEXISTA

fotos 300O BNG solicitou, en diversas ocasións, que se regulara a publicidade en vías públicas da cidade para evitar o uso da imaxe da muller como mercadoría

 “As administracións teñen que tomar medidas efectivas contra a lacra da violencia de xénero que este ano xa rematou coa vida de 6 mulleres en Galiza” afirmou Cristina Ferreiro

Lugo, a 27 de agosto de 2014. A edil do BNG no concello de Lugo, Cristina Ferreiro, informou sobre a existencia dun informe elaborado dende a casa da muller que lle ven a dar a razón ao BNG cando reclamaba que se regulara a publicidade de tipo sexista no concello de Lugo. “O concello ten que tomar medidas neste senso e esto contribuirá a crear conciencia en matería de igualdade” dixo Cristina Ferreiro. Para o BNG “as administracións teñen que tomar medidas efectivas contra a lacra da violencia de xénero que este ano xa rematou coa vida de 6 mulleres en Galiza e onte mesmo estivo a punto de acabar coa vida de outra muller en Chantada”.

Cristina Ferreiro dixo que “non é suficiente con facer concentracións e declaracións de condolencia cada vez que acontece un atentado deste tipo” e engadiu que “a regulación da publicidade de tipo sexista non vai rematar coa violencia de xénero pero contribuirá a mellorar unha educación tendente a erradicar o machismo da nosa sociedade”. O BNG xa denunciara, fai máis dun ano, a existencia de publicidade que en diferentes rúas da cidade está a utilizar a imaxe da muller como reclamo e incluso como mercadoría.

Da existencia deste informe, elaborado na casa da muller, deuse conta na comisión de Alcaldía celebrada esta semana despois de que o BNG presentara unha serie de preguntas en relación á tramitación das diferentes ordenanzas que ten previstas o goberno municipal. O informe daríalle a razón ao BNG coa necesidade de incluír na ordenanza de publicidade un apartado específico que regule a utilización da imaxe da muller. A nacionalista lembrou que en marzo de 2013 o Pleno municipal aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposición do BNG que incluía o mandato ao concello de elaborar unha ordenanza reguladora da publicidade que garanta que non se poida denigrar a imaxe da muller, nin empregala como reclamo publicitario. “Agardamos que o goberno municipal se poña a traballar en serio neste tema, unha vez visto este informe técnico”.

“Violencia contra as mulleres tamén é o uso da súa imaxe con fins publicitarios, e polo tanto as administracións non poden consentir este tipo de actuacións” declarou a concelleira. Insistiu en que “non se pode facer a vista gorda, nunha sociedade democrática e que persigue a igualdade entre todas e todos, ante a utilización da imaxe da muller como se dunha mercadoría se tratase”.

UN INFORME DA CASA DA MULLER DALLE A RAZÓN AO BNG EN RELACIÓN Á PUBLICIDADE DE TIPO SEXISTA