O BNG LEVARÁ A PLENO UNHA INICIATIVA PARA PARALIZAR A CONSTRUCIÓN DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR

O BNG LEVARÁ A PLENO UNHA INICIATIVA PARA PARALIZAR A CONSTRUCIÓN DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR

IMG_5589“O concello de Lugo ten mecanismos legais para impedir esta instalación” afirmou Paz Abraira

Para o BNG “é un engano que o presidente da Xunta queira facernos ver que coa chegada destas gasolineiras vai baixar o prezo do combustible”

Lugo, a 28 de agosto de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo deu conta da presentación dunha iniciativa par ao vindeiro pleno municipal do día 1 de setembro no que se solicita que o Goberno municipal, adopte as correspondentes medidas cautelares en relación a esta actividade atendendo á gravidade e perigosidade que supón a implantanción desta área de servizo para a conservación do río Miño e o seu contorno. Ademais o BNG solicita que o goberno municipal utilice todas as ferramentas legais das que dispón para impedir a instalación desta estación de servizo nas inmediacións do río Miño.

A edil nacionalista informou que o artigo 28 da Lei 9/2013 de 19 de decembro de emprendemento e da competitividade económica de Galiza permite a adopción, por parte dos Concellos, de medidas cautelares para casos nos que se considere que a actuación pode representar perigosidade. A instalación desta estación de servizo vai supoñer a colocación, a menos de 100 metros do cauce do río Miño, duns depósitos con capacidade para albergar máis de 100.000 litros de combustibles. Abraira lembrou que “xa foron numerosos os colectivos de ámbito social e veciñal que manifestaron o seu rexeitamento a esta instalación ao igual que, no seu momento, houbera importantísimas protestas pola instalación desta área comercial nas proximidades do río Miño” aínda que “foi o BNG a única forza política que se opuxera á construción desta área comercial”.

Paz Abraira culpabilizou ao PP por que “tratan de aprobar e aplicar de lexislación que unicamente defende os intereses do capital especulativo e actúa en favor das grandes cadeas comerciais pasando por riba da protección ambiental choca frontalmente, en casos coma este, coa preservación de espazos naturais necesarios como é o caso do río Miño e o seu entorno”. A lei de emprendemento obriga aos concellos a permitir gasolineiras nas áreas comerciais incluso onde a ordenación do chan non o permita. Abraira engadiu que “é intolerable que un particular non poida construír a súa vivenda nunha parcela, se a normativa non o permite, pero si que se teña que autorizar unha instalación deste tipo por imperativo legal”.

Engano

“É un engano que o presidente da Xunta queira facernos ver que coa chegada destas gasolineiras vai baixar o prezo do combustible” afirmou Paz Abraira. O único que se pretende con este tipo de instalación é favorecer ás grandes áreas comerciais. Hoxe en día os lucenses non teñen a necesidade dunha nova estación de servizo xa que a cidade conta con suficientes gasolineiras. O Partido Popular, con esta lei de empredemento favorece ás grandes áreas comerciais e retíralle competencias aos concellos.

Unanimidade

A edil nacionalista dixo que “agardamos que todas as forzas aproben por unanimidade esta iniciativa xa que o PP se converteu, ultimamente, no máximo defensor do río Miño” e en referencia ao PSOE, Paz Abraira dixo que “non é normal que o Goberno municipal diga que é contrario á esta instalación pero que nada se pode facer”. A voceira do BNG sostivo que existe articulado na lexislación que lle permite ao Goberno Municipal establecer medidas á hora de darlle os correspondentes permisos aos promotores desta iniciativa.

Zona de baño

A edil nacionalista criticou que as administracións implicadas concedan os correspondentes permisos para a instalación desta área de servizo mentres que “resulta practicamente imposible a creación dunha zona de baño nesta mesma zona”.

 

O BNG LEVARÁ A PLENO UNHA INICIATIVA PARA PARALIZAR A CONSTRUCIÓN DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR