LUGO CONTINUA SEN UN PROTOCOLO INTERINSTITUCIONAL DE ACTUACIÓN EN CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
O Goberno Municipal non deu a coñecer o contido do protocolo interinstitucional de violencia de xénero e cualificouno como non oficial
A concelleira de Servizos Sociais non aclarou o contido do protocolo nin se o estaban a aplicar todos os estamentos implicados dixo Cristina Ferreiro
Para o BNG está claro que as administracións non teñen a vontade de actuar coordinadamente a pesares de que se apuntou a elaboración dese protocolo como a solución cando aconteceu o asasanito de Elena Dumitru, en marzo de 2013
Lugo, 29 de agosto de 2014. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Lugo trasladou á Comisión de Servizos Sociais unha serie de preguntas para saber en que estado de elaboración se atopaba o Protocolo de intervención interinstitucional para a prevención, detección e intervención en situacións de violencia de xénero, encargado polo Concello. A edil do BNG, Cristina Ferreiro, sinalou que a concelleira responsábel non aclarou cales son os contidos deste protocolo e tampouco sabemos se xa está en poder de todos os estamentos implicados. A pesares de que o BNG demandou ter acceso ao protocolo este non foi facilitado dende o goberno municipal.
A edil nacionalista informou que pese a que a concelleira de Servizos Sociais asegurou que existía ese protocolo cualificouno como non oficial. Para o BNG está claro que as administracións non teñen a vontade clara de actuar coordinadamente. Cristina Ferreiro lembrou que cando aconteceu o asasanito de Elena Dumitru, en marzo de 2013 apuntouse, dende o propio goberno municipal, a elaboración dese protocolo como unha necesidade básica neste tipo de casos.
A edil nacionalista dixo que o BNG non esquece que cando asasinaron á veciña da Rúa Camiño Real, Elena Dumitru, escoitáronse declaracións con moi boas intencións, pero a día de hoxe non sabemos se estamos mellor ou igual de preparados para afrontar esta lacra no noso Concello. Ferreiro salientou que no que vai de 2014 na provincia de Lugo foron asasinadas 3 mulleres e en Galiza son 6 vítimas da violencia de xénero, a última o pasado 29 de xullo no Concello de Pazos de Borbén.
Para o BNG é unha evidencia a necesidade de que exista unha coordinación entre os distintos departamentos de servizos sociais das diferentes administracións con competencia na materia e actuar con premura , urxencia e delicadeza e sempre dun xeito integral é dicir na atención a muller e tamén ao seu entorno socio-familiar. Segundo as nacionalistas a violencia de xénero ten que abordarse dende a prevención ,detección e intervención e dun xeito multidisciplinar para evitar a situación de desamparo no que se atopan as mulleres.