Cosme Pombo chámalle a Rajoy "o Robin Hood dos banqueiros" por "roubar aos obreiros"

Cosme Pombo chámalle a Rajoy "o Robin Hood dos banqueiros" por "roubar aos obreiros"

Cosme Pombo O cabeza de lista pola provincia de Lugo defende un sistema tributario máis xusto no que paguen máis impostos os ricos e di que Feijóo é “un mandado de Rajoy e o seu fiel escudeiro no roubo ao pobo”

 Pobra de Brollón, 7 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, chamoulle hoxe a Rajoy “o Robin Hood dos banqueiros” por “roubar aos obreiros para darlle os cartos aos banqueiros”. Nun acto público na Pobra de Brollón, Cosme Pombo afirmou que “o PP sácalles os cartos aos traballadores e traballadoras para darllos aos bancos” porque “non llelos saca ás grandes fortunas”, dixo.

O cabeza de lista do Bloque por Lugo acusou a Feijóo de ser “un mandado de Rajoy” e “o seu fiel escudeiro no roubo ao pobo”. “Feijóo agocha o programa de recortes masivos que ten preparados os seu xefe Rajoy para despois das eleccións, cando pida o rescate”, denunciou. “Non é de fiar un candidato que agocha mesmo as siglas do seu propio partido, como fai Feijóo, para ver se así despista á xente e non o relacionan cos recortes do PP”, criticou o candidato nacionalista.

Por contra, Cosme Pombo defendeu a alternativa do BNG, que defende “un sistema tributario xusto no que pague máis quen máis ten”. “Unha as claves do Programa do BNG é incrementar a xustiza do sistema fiscal, impulsando a función de redistribución da renda e riqueza e como instrumento activo na corrección das desigualdades sociais establecendo novos tramos na tarifa xeral do IRPF para as rendas superiores e creando unha taxa específica sobre os grandes beneficios da banca privada, así como un réxime fiscal sobre a actividade financeira que grave as transaccións especulativas”, explicou o candidato do Bloque.

Gobernar ao servizo das mairías sociais e non da gran banca

Cosme Pombo pedíu aos cidadán que aposten polo BNG, porque defende un "cambio de políticas en favor do pobo e ao servizo das maiorías sociais e non da gran banca e a oligarquía financieira”. “O que queira que sigan gobernando para a banca xa sabe o que ten que facer, votar ao Partido Popular, pero o que queira que se goberne para as clases sociais deste país que vote ao BNG”, dixo.

Por iso, Cosme Pombo pedíu “aos sectores prexudicados polas políticas de Feijóo” que non volvan votar polo PP o día 21 senón “pola única forza política que lles garante un cambio de políticas e non só de políticos”.

O cabeza de lista por Lugo dirixiuse “aos funcionarios que viron rebaixado o seu salario e degradadas as súas condicións de vida e de traballo, 24.000 na provincia de Lugo; aos 3.000 labregos e labregas que tiveron que pechar as súas explotacións nestes anos; aos miles de galegos e galegas aos que lles roubaron os seus aforros coas preferentes para entregarllos á gran banca” e pediulles “que non voten a quen os traizoou, que non voten ao Partido Popular”.

Cosme Pombo dixo que os tres eixos fundamentais do Programa do BNG son “poñer o país a producir para así crear emprego, defender os servizos públicos como a sanidade e a educación e a atención social ás persoas e, en terceiro lugar, unha dignificación da democracia e un rexeitamento frontal aos recortes que nos quere impoñer o PP e que non conducen a ningún sitio, máis que a afondar máis na crise”.

Cosme Pombo chámalle a Rajoy "o Robin Hood dos banqueiros" por "roubar aos obreiros"