Cosme Pombo presenta o Programa do BNG como "unha ferramenta para poñer a Galiza a producir"
O cabeza de lista pola provincia de Lugo afirma que despois de tres anos os galegos e galegas xa non confían en Feijóo
Lugo, 25 Setembro 2012.- O Bloque Nacionalista Galego presentou en Lugo o seu programa electoral de cara ao 21-O nun acto na casa sindical no que participou o cabeza de lista pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, e outros membros da candidatura, como Cristina Ferreiro, responsable comarcal de Sanidade, e Antonio Niño, sindicalista da CIG.
Cosme Pombo dixo que os tres eixos fundamentais do Programa do BNG son poñer o país a producir para así crear emprego, defender os servizos públicos como a sanidade e a educación e a atención social ás persoas e, em terceiro lugar, unha dignificación da democracia e un rexeitamento frontal aos recortes que nos quere impoñer o PP e que non conducen a ningún sitio, máis que a afondar máis na crise.
O cabeza de lista pola provincia de Lugo insistíu en que despois de tres anos os galegos e galegas xa non confían en Feijóo e defendeu que o Programa do BNG non é un conxunto de promesas, senón un proxecto de país. Cosme Pombo dixo que o BNG vai poñer o acento nun cambio radical das políticas económicas que aposte polo desenvolvemento pleno do tecido productivo do país e por cambios rotundos na orientación das políticas que está a aplicar a dereita e que o único que traen consigo son máis recortes e empobrecemento da sociedade.
Principais propostas:
Apostar por políticas agrarias e polo desenvolvemento rural
Para o BNG o medio rural é un sector estratéxico e clave na recuperación económica, polo que compre dimensionalo baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade e, para acadar este obxectivo, desenvolverá as seguintes medidas:
-Medidas en relación ao marco europeo e estatal.
-Reforma das estruturas agrarias e reorientación do modelo produtivo (Banco de Terras, modificación da política de concentración parcelaria, axudas aos investimentos nas explotacións )
-Vertebración social e interlocución no sector agrario.
-Apoio ao sector lácteo.
-Impulso á transformación e comercialización agrarias.
-Desenvolvemento das producións gandeiras e agrícolas
-Una nova política forestal.
Recuperación do programa Preescolar na Casa
O BNG recoñece o grande papel realizado polo programa Preescolar na Casa.
Propón a recuperación deste programa de xeito inmediato.
O custe do programa era tres veces menor que a subvención aos colexios que segregan nenos e nenas.
Eliminación dos concertos educativos que segregan nenos e nenas
Potenciarase a rede pública de ensino nas etapas obrigatorias, reducindo de xeito progresivo os concertos educativos co ensino privado para a súa desaparición e, de forma inmediata, rescindiranse aqueles que manteñan a segregación do alumnado.
Un sistema tributario xusto: que pague máis quen máis ten
- Garantir e incrementar a capacidade recadadora do sistema tributario, de xeito que se obteñan os recursos económicos, conseguindo loxicamente máis de quen máis ten, para cubrir un forte sistema de benestar que asegure o acceso de toda a poboación ás prestacións sociais e servizos públicos de calidade, que ademais de proporcionar unha maior calidade de vida, sen dúbida contribuirá a xerar novas oportunidades de emprego vinculadas á prestación de ditos servizos.
- Incrementar a xustiza do sistema fiscal, impulsando a función de redistribución da renda e riqueza e como instrumento activo na corrección das desigualdades sociais.
- Establecer novos tramos na tarifa xeral do IRPF para as rendas superiores, a mellora na progresividade na tributación do aforro, e a supresión do réxime especial favorábel para os impatriados no Imposto sobre a Renda dos non Residentes, do que se benefician deportistas estranxeiros.
- Derrogar as subidas dos tipos impositivos no IVE, rebaixándoos aos niveis anteriores, e dun xeito específico adoptar unha tributación ao tipo superreducido do 4% de todos os bens e prestacións de servizos ligados á cadea alimentaria que aínda tributan a outros tipos superiores.
- Establecer unha taxa específica sobre os grandes beneficios da banca privada, así como un réxime fiscal sobre a actividade financeira que grave as transaccións especulativas.
Criación dunha Banca Pública Galega
A má xestión do Goberno Feijóo levouse por diante o sistema financeiro galego. Precisamos dunha BPG que financie a economía produtiva
Interpor recurso de inconstitucionalidade contra o RD-Lei 24/2012 da fraude das preferentes
O BNG interporá dende a Xunta recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto-Lei 24/2012, do 31 de agosto, que legaliza a fraude das participacións preferentes, personarase na demanda interposta pola Fiscalía Superior de Galiza, apoiando as súas pretensións e instará ao Goberno do Estado a que exclúa ás persoas aforradoras subscritoras de participacións preferentes ou débeda subordinada das quitas ou canxes obrigatorios previstos no RD-Lei 24/2012 e a adoptar as medidas precisas para garantir a devolución íntegra do investido ás persoas aforradoras en participacións preferentes e débeda subordinada en entidades financeiras.
Defensa da rexeneración democrática
O BNG defende unha lei de consulta popular vinculante para as decisións que afecten ao futuro do pais. Tamén é precisa unha reforma legal que asegure que a Televisión de Galiza e a Radio Galega sexan públicas e non un instrumento ao servizo do goberno de quenda.
Defensa do Autogoberno, Defensa do Benestar
Cando recortan a Sanidade e a Educación non só atacan os sectores máis febles da sociedade: tamén invaden competencias exclusivas de Galiza.
Defensa do aborto libre e gratuito
Defender o mantemento da interrupción voluntaria do embarazo na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde nas mesmas condicións que na actualidade, sen aceptar que esta se limite aos casos en que exista unha indicación médica.