Cosme Pombo sitúa ao BNG "do lado da xente fronte ás políticas antisociais do PP"

Acto público en Vilalba
Cosme Pombo sitúa ao BNG "do lado da xente fronte ás políticas antisociais do PP"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, afirmou no acto desta tarde en Vilalba que “Galiza precisa un BNG forte que frene a política antisocial do PP cuxas consecuencias estamos a padecer”

Vilalba, 18 de setembro de 2012.O BNG organizou esta tardiña en Vilalba un acto político de carácter público onde os nacionalistas analizaron as consecuencias económicas e sociais dos recortes do PP e as alternativas que defende o BNG. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, afirmou no acto desta tarde en Vilalba que “Galiza precisa un BNG forte que frene a política antisocial do PP cuxas consecuencias estamos a padecer”. Para Cosme Pombo, “fronte a estas políticas, que tentan utilizar a crise como pretexto para impoñer o modelo que lle interesa á dereita, o BNG tamén ten como prioritario a defensa e proteción dos servizos públicos e as políticas sociais, pois son fundamentais para o benestar da xente e neste momento están sendo desmantelados para facer do ensino e da sanidade, por exemplo, un negocio”.

Cosme Pombo afirmou en Vilalba que “xa sabemos a onde nos levan as políticas do PP: a unha perda cada día máis alarmante de dereitos sociais e ao empobrecemento da clase traballadora. Non hai máis que botar unha ollada ao que temos ao noso redor, un país no que medra alarmantemente a súa débeda, cos sectores produtivos propios practicamente en estado de creba, como podemos comprobar moi ben nunha comarca como a Terra Chá pola situación que están a vivir os gandeiros produtores de leite. Outro dos eixos sobre os que xirará o programa nacionalista ten a ver coa rexeneración democrática, -explicou o candidato do BNG, quen advertiu da perigosa política na que está inmersa a dereita de degradación da democracia e das institucións”.

“Hai que facerlle fronte -dixo- e iso pasa tamén por afortalar o autogoberno e avanzar cara a soberanía, porque a crise está evidenciando que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e a que as decisións que tan directamente afectan aos cidadáns se tomen en ámbitos que non emanan da vontade democrática dos pobos”. Neste sentido, Cosme Pombo lembrou que é fundamental que Galiza teña o control da súa propria economía, de aí a necesidade por exemplo dun Banco Público, e dos seus recursos para poder xerar emprego e garantir o benestar colectivo”.

Pola súa banda, Félix Jorquera, portavoz do BNG no Concello de Vilalba e que será concelleiro a partires do vindeiro pleno introduciu o acto, e destacou que “todos os galegos e galegas xogámonos moito nestas eleccións e diso somos conscientes no BNG, a forza nacionalista que constitúe a alternativa ás políticas antisociais de Feijóo e a forza nacionalista galega que ten como único destino e atención do seu ideario político e centro da toma das súas decisións a Galiza e a súa xente”.

Inés Novo, tamén concelleira do BNG en Vilalba após da súa toma de posesión no vindeiro pleno e candidata por Lugo ao Parlamento Galego, e recoñecida polos seus anos de traballo no programa Preescolar na Casa, fixo unha crítica valoración da política educativa do goberno de Feijóo “que o único que fixo foi recortar na escola pública e do rural galego baixo o pretexto da crise para denostar o ensino público a favor do privado”

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, agradeceu a asistencia do máis do cento de persoas a este acto público porque afirmou que “non hai que ter medo a falar de política, malia que nos traten de dicir agora que a política é mala, o que hai que diferenciar é da “mala política” como está a levar a cabo os gobernos do PP na Xunta de Galiza e no Estado. Non se lle pode ter medo ás palabras e todo pobo necesita soberanía, non debemos ter medo a reclamar a nosa soberanía como galegos e galegas, e que as decisións se tomen tendo en conta a nosa realidade en casos tan claros como o naval ou o sector lácteo”.

 

Cosme Pombo sitúa ao BNG "do lado da xente fronte ás políticas antisociais do PP"