PARA COSME POMBO “PROTEXER AOS GANDEIROS É TAN PRIORITARIO COMO PROTEXER AO LOBO”

PARA COSME POMBO “PROTEXER AOS GANDEIROS É TAN PRIORITARIO COMO PROTEXER AO LOBO”

IMG_7136O parlamentario do BNG visitou diversas explotacións no concello de Friol para coñecer de primeira man a problemática xerada polos ataques de lobo á gandería desta zona

Cosme Pombo trasladará unha batería de iniciativas parlamentarias para pedir “que a Xunta efectivice unha xestión desta especie que permita unha convivencia entre a gandería e o lobo”

Friol, 24 de xaneiro de 2015. O parlamentario do BNG por Lugo, Cosme Pombo, realizou unha serie de visitas a explotacións agrogandeiras do concello de Friol para coñecer a problemática que se está a vivir nesta zona cos ataques de lobo á gandería. Pombo manifestou que “neste momento, e cos índices de despoboamento do rural, protexer aos gandeiros é tan prioritario como protexer ao lobo”. O parlamentario nacionalista, que estivo acompañado de representantes do BNG friolense, visitou produtores de vacún de leite, vacún de carne e entrevistouse con membros da xunta rectora do monte veciñal en man común de O Carballo que se adican á cría de cabalo galego en liberdade.

IMG_7122

 

Pombo constatou que, a pesares de que existen pequenas diferenzas nos sistemas de explotación do gando, as medidas de protección que se teñen adoptado non son suficientes para evitar os ataques dunha, cada vez máis numerosa, poboación de lobos. O BNG trasladaralle, a través do Parlamento Galego, unha serie de cuestións ao goberno da Xunta para que se tomen medidas a este respecto. Cosme Pombo dixo que “ademais de atender con axilidade as necesarias indemnizacións polas perdas, a Xunta ten que establecer programas de formación e difundir a implantación sistemas de protección para o seu gando”.

O BNG pedirá unha maior axilidade da administración galega na tramitación e no pago das axudas. Ademais, segundo explicou Pombo, “haberá que estudar se o sistema de indemnizacións se adapta ás realidades das explotacións gandeiras xa que para determinados sistemas, como é o caso dos cabalos que se crían en liberdade, é practicamente imposible detectar e denunciar un ataque nun período de 24 ou 48 horas”. Cosme Pombo insistiu en que “os retrasos, a excesiva burocratización e o curto prazo para a comunicación dos ataques son trabas evitables que o único que fan é desanimar á xente que sufre ataques nos seus rabaños”.

Revisión do Plan de Xestión do Lobo

IMG_7132

 

Cosme Pombo lembrou que a través do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, se aprobou o Plan de xestión do lobo en Galiza e engadiu que “dende aquel momento moitas cousas mudaron a respecto da situación das explotacións gandeiras e da poboación do lobo en Galiza”. Pombo anunciou que o BNG pedirá unha revisión deste plan de xestión do lobo para “ver se é necesario mudar algo nos seus contidos e comprobar que partes deste plan de xestión se levaron a cabo dende o momento da súa aprobación”. Para o BNG tamén é importante saber se o actual goberno da Xunta está a aplicar as liñas de actuación previstas no plan de xestión do lobo de Galiza.

PARA COSME POMBO “PROTEXER AOS GANDEIROS É TAN PRIORITARIO COMO PROTEXER AO LOBO”