“A DO GALEGO NOS SINAIS, É UNHA POLÉMICA INEXISTENTE NO CONCELLO DE LUGO” AFIRMOU PAZ ABRAIRA

“A DO GALEGO NOS SINAIS, É UNHA POLÉMICA INEXISTENTE NO CONCELLO DE LUGO” AFIRMOU PAZ ABRAIRA

IMG_7111

Para o BNG “non é normal que Besteiro anuncie plans de apoio ao galego e o seu alcalde imputado esté pensando en que idioma vai facer os sinais das pasaxes”

O BNG presentou unha iniciativa para promover o uso de galego e o coñecemento da obra de Rosalía de Castro

Lugo, 22 de xaneiro de 2015. O BNG levará ao pleno do día 2 de febreiro unha iniciativa para promover o uso de galego e o coñecemento da obra de Rosalía de Castro. Segundo informou a voceira nacionalista “o mes de febreiro está declarado como mes de Rosalía pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e concretamente o día 24 de febreiro é o día sinalado como día de Rosalía” e engadiu “por eso imos levar esta proposición ao pleno do concello de Lugo”. O BNG vai pedir, expresamente, na súa iniciativa que o Goberno municipal garanta a aplicación no Concello da Ordenanza de uso do galego na administración local de Lugo, aprobada por unanimidade pola Corporación Municipal no pleno de data 7 de maio de 2012, e constituír de inmediato a Comisión de Seguimento prevista no artigo 25 da mesma.

Abraira explicou que “vemos como, nunha información publicada en prensa, asistimos a unha problemática ficticia que non se da en ningún caso no concello de Lugo a pesar de que parte da sinalización está escrita en galego”. A voceira do BNG referiuse á paralización no servizo encargado de subministrar as placas da pasaxes para os garaxes. Paz Abraira dixo que “se trata da incapacidade absoluta do goberno municipal para facer que o concello funcione e facer que os servizos municipais, que deben estar ao servizo das persoas, funcionen”.

Para o BNG resulta lamentable que se dea a imaxe de que existe un conflicto que non existe e que se permita que un servizo municipal, como é o caso da policía loca,l se nege de maneira reiterada, como fixo sempre, á utilización do galego en todas as súas notificacións e accións. “Permítese pola incapacidade de Orozco para dirixir este concello” aclarou Abraira. “Esto non se pode converter nun problema” afirmou Paz Abraira e engadiu “cantos anos levamos, neste concello cunhas placas que poñen pasaxe permanente, e os lucenses cumprimos por que sabemos o que significan. E tamén sabemos que as anteriores, algunhas delas aínda permanecen, non son legais”.

Paz Abraira amosou como a utilización de pictográmas nas propias sinais deixa claro cal é o sentido da mesma independentemente do idioma que se utilice na súa rotulación. Igualmente, a voceira nacionalista, puxo como exemplo a sinal de STOP que a pesares de ser unha palabra do idioma inglés non supón un problema de compresión para ninguén. Abraira lembrou que “non houbo nunca ningunha reclamación por este feito por que evidentemente a xente entende perfectamente o significado das sinais de tráfico”.

Besteiro fai promoción e Orozco dúbida

Abraira incidiu en que o secretario xeral do PSOE anunciara unha campaña, dende o ámbito da deputación de Lugo, para promover o uso do galego e o seu alcalde “non estrela senon imputado” e máximo representante do concello de Lugo “di que está pensando que é o que vai facer e como vai soluionar un conflicto que non existe”. Para o BNG “o conflicto é o que ten Orozco, o PSOE e o goberno municipal”.

A ordenanza municipal de uso do galego

No mes de maio de 2012 o concello de Lugo aprobou, en sesión plenaria, por unanimidade de todos os grupos unha ordenanza de uso do galego na administración local que atinxe a todos e cada un dos seus aspectos. Abraira recoñeceu o papel “máis que encomiable” do concelleiro popular Arcadio Silvosa para acadar a unanimidade sobre o uso do galego no momento da aprobación da ordenanza no ano 2012. Nesta Ordenanza estaba prevista a creación dunha comisión de seguimento “que ten a obriga de velar pola aplicación desta ordenanza e de velar polo uso do galego na administración do concello de Lugo” dixo Paz Abraira.

Demandas na iniciativa nacionalista

A voceira nacionalista engadiu que no texto da iniciativa plenaria do BNG tamén se demanda a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen a veciñanza do noso concello ao longo do mes de febreiro. Outro dos puntos do texto reclamao o apoio a todas as iniciativas e mobilizacións que se desenvolvan ao longo do mes de febreiro para reivindicar o futuro do noso idioma e a activación de medidas a prol do seu uso en todos os ámbitos. No caso de ser aprobada a iniciativa do BNG, o concello de Lugo solicitará da Xunta de Galiza unha mudanza na política lingüística desenvolvida até o momento, retomar o consenso e promover, nun prazo máximo de seis meses, mudanzas lexislativas substanciais guiadas pola activación de políticas lingüísticas a prol do galego.

“A DO GALEGO NOS SINAIS, É UNHA POLÉMICA INEXISTENTE NO CONCELLO DE LUGO” AFIRMOU PAZ ABRAIRA