“A DÍA DE HOXE O PLAN PARADAI É UN PLAN MORTO” ADVERTIU PAZ ABRAIRA

“A DÍA DE HOXE O PLAN PARADAI É UN PLAN MORTO” ADVERTIU PAZ ABRAIRA

O investimento na zona de Paradai pasa de case 9 millóns de euros, do convenio inicial, a  pouco máis de 3 millóns de euros 

Para o BNG “hai un acordo entre o PP, no goberno da Xunta, e o PSOE, no goberno municipal de Lugo, para non rematar o Plan Paradai” 

Lugo, 19 de setembro 2014. Paz Abraira advertiu de que “o Plan Paradai é un plan morto a día de hoxe, un plan sen futuro e sen ningún tipo de compromiso orzamentario para desenvolvelo”. O groso do obras quedara sen facer por que as obras, segundo a Xunta, rematan en decembro de 2014. Abraira responsabilizou desta situación a López Orozco e a Jaime Castiñeira como máximos representantes en Lugo das súas organizacións políticas. Para o BNG trátase dunha situación absolutamente inadmisible e a súa voceira no concello de Lugo anunciou que “trasladaremos iniciativas a todas as institucións implicadas neste asunto”.

A voceira do BNG informou que na xunta de goberno local, celebrada o pasado mércores 17 de setembro, aprobouse a adenda nº3 asinada en xuño de 2014 e referente ao Plan Paradai. Paz Abraira explicou que coa aprobación desta adenda “dase finiquito ao convenio que había asinado entre as dúas administracións para a realización das obras pendentes do Plan Paradai coa realización da ponte de Paradai” e engadiu que “hai un acordo entre o PP, no goberno da Xunta, e o PSOE, no goberno municipal de Lugo, para non rematar o Plan Paradai”.

A adenda nº3 di que o convenio queda circunscrito exclusivamente a esa obra e cun custe máximo de 3.557.000 € que vai rematar na anualidade 2015 e que a vixencia do convenio é ata o remate das obras o 31 de 2015. “Temos o compromiso de que as obras van rematar en decembro de 2014 e os pagos vanse extender a 2015” explicou Paz Abraira. Coa aceptación desta proposta, feita pola Xunta de Galiza, por parte do goberno municipal de Lugo dos catro proxectos do Plan Paradai o único que se vai facer é o que xa está en construción de Ponte Paradai.

O BNG non vai renunciar a que se cumpla aquelo que hai comprometido con esta cidade. A obra que está en construcción vai rematar en decembro de 2014 polo tanto é obrigado asinar un novo convenio con dotación económica e con prazos concretos para rematar o que está pendente. O alcalde terá que explicarlles aos veciños de Paradai por que transixe co esta proposta da Xunta e terá que explicarlles aos veciños de Lugo por que transixe co abandono do Cuartel de San Fernando.

O investimento pasa de 9 millóns a 3 millóns

O investimento na zona de Paradai pasa de case 9 millóns de euros, do convenio inicial, a  pouco máis de 3 millóns de euros tendo en conta a actualización dos prezos das obras. A única obra que se acometería sería a que actualmente se está executando da Ponte de Paradai e quedarían sen executar os outros tres proxectos: Avenida de Conde Fontao, Estrada das Gándaras e Ponte Paradai – Serra de Meira 2ª fase que era a conexión entre Serra de Meira e Carlos Azcárraga.

Un pouco de historia

Paz Abraira fixo un percorrido pola historia do Plan Paradai xa que segundo ela “compre analizar como foron as cousas no pasado para entender como son agora” remontouse ao ano 2012, cando o BNG estaba no goberno municipal. Abraira explicou que “naquel momento mantivemos unha xuntanza da comisión de seguimento do Plan Paradai na que, dende a Xunta de Galiza, se propoñía esta adenda. O BNG dixo que non a aceptaba por que, como membros dun goberno, non podiamos permitir que se lle negase a esta cidade o dereito a que unha infraestrutura como o Plan Paradai se peche definitivamente”. Na proposta de adenda que a Xunta presentara, cando o BNG formaba parte do goberno municipal, “nunha das cláusulas establecíase o compromiso de asinar un novo convenio e na que asinou o PSOE non aparece nada desto” aclarou a voceira do BNG. Non se fala nesa adenda nin siquera da posibilidade de asinar un novo convenio para acometer as obras pendentes do Plan Paradai.

“Tamén, no ano 2012, o partido popular  presentou unha moción de urxencia, replica a unha moción que naquel momento presentabamos como goberno, no que falaba da necesidade de asinar un novo convenio para rematar as obras pendentes do Plan Paradai” sinalou Paz Abraira que engadiu que “sería interesante saber o que opina o portavoz do PP no concello de Lugo, o Sr. Jaime Castiñeira, e se está disposto a esixírlle á súa organización política, que dirixe a Xunta, que Lugo conte cos orzamentos necesarios para rematar as obras do Plan Paradai”.

Orozco agocha a cabeza diante do PP

Para o BNG “o grave de todo este asunto é que agora Orozco ratifica a aceptación desa proposta que deixa aos veciños e veciñas de Lugo sen Plan Paradai e sen as comuniciacións precisas para esta zona da cidade” e explicou Paz Abraira que “primeiro foi o cuartel de San Fernando, Orozco reúnese co conselleiro e agocha a cabeza, con esto demostra a actitude que vai ter de cara ao futuro cos incumprimentos gravísimos do PP a respecto desta cidade”. O BNG quere chamar a atención sobre os acordos entre PP e PSOE, neste concello e a nivel da Xunta, para deixar a Lugo sen infraestruturas prioritarias.

Agravio comparativo co trato a outras cidades

Paz Abraira sinalou que “non se pode alegar falta de recursos xa que os hai para outros fins e outras cidades”. Hoxe mesmo estaba prevista unha xuntanza do alcalde de Santiago co conselleiro de Industria para abordar os problemas de alumeado público da cidade de Compostela. Para o BNG non é normal que “unha competencia municipal se lle traslade á Xunta de Galiza mentres que na cidade de Lugo sucede á inversa aquelo que é competencia da Xunta é asumido, sen máis, polo alcalde de Lugo que permite que a nosa cidade se quede sen infraestruturas básicas por non ter un enfrentamento co PP”.

“A DÍA DE HOXE O PLAN PARADAI É UN PLAN MORTO” ADVERTIU PAZ ABRAIRA