CONSTRUINDO FUTURO É O LEMA DO BNG PARA CONVOCAR UNHA ASAMBLEA ABERTA O VINDEIRO XOVES EN LUGO
A asamblea aberta está dirixida a todas as persoas que creen no futuro deste país e que se senten de esquerdas afirmou Alexandre Penas
Dende o BNG estánse a promover asembleas abertas en todo o país buscando a integración de todas aquelas persoas que queiran ser partícipes dun proxecto nacionalista serio
Lugo, 22 de setembro 2014. O BNG celebrará o vindeiro xoves, 25 de setembro, unha asamblea aberta baixo o lema Construíndo Futuro así o anunciou o reponsábel local dos nacionalistas en Lugo Alexandre Penas. Penas compareceu acompañado de representantes do consello local e do actor Rubén López Pombo e do funcionario Daniel Cabana dúas persoas comprometidas con este país e que aínda que non son afiliadas do BNG teñen claro que apoiar o noso proxecto político é importante para o noso futuro segundo Alexandre Penas.
Dende o BNG estánse a promover asembleas abertas en todo o país e Alexandre Penas afirmou que o desafío que emprendemos necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos, que enarbolen a bandeira da loita pola democracia, a xustiza e a dignidade. Alexandre Penas dixo que a asamblea aberta está dirixida a todas as persoas que creen no futuro deste país e que se senten de esquerdas por que é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa na Galiza.
Na súa intervención o reponsábel local do BNG sinalou que vivimos nun momento en que é preciso mudalo todo. Nunca nas últimas décadas se amosou tan claramente que o actual réxime político está esgotado, política, social e institucionalmente. Para o BNG o soporte partidario do réxime, en forma de PP e PSOE, amósase cada día máis incapaz de xestionar un modelo que eles mesmos crearon. Os nacionalistas pretenden que as eleccións municipais de maio de 2015 sirvan para ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo na Galiza.
Alexandre Penas dixo que as políticas deben servir para pór os concellos ao servizo da maioría social e tamén para que cidadáns e cidadás posúan maior capacidade de participación e decisión e engadiu que dende o BNG buscamos unha maior capacidade de participación e decisión para garantir unhas institucións municipais máis abertas e democráticas.
Na súa intervención o actor Rubén Pérez Pombo manifestou o seu apoio a este proceso aberto polo BNG e dixo que estamos nun momento no que hai que escoitar pero tamén hai que falar e a xente quere ser escoitada. Rubén Pérez fixo alusión a un texto dramatúrxico e á necesidade de implicación da xuventude nos procesos políticos é posible que o futuro esté nas nosas mans.
Para o funcionário Daniel Cabana o Bloque sermpre foi unha forza que non estivo integrada no sistema capitalista nin imperialista, estivo sempre ao lado dos traballadores Cabana lembrou tamén as posicións doo BNG fronte ao mercado común, a unión europea, do tratado de Mastrich e tamén das políticas monetarias da unión europea. Maite Ferreiro lebrou que BNG sempre estivo aberto á participación das persoas para buscar solucións colectivas aos problemas deste país. Maite Ferreiro dixo que as mulleres estamos a sufrir doblemente o ataque das políticas regresivas do partido popular. Este é o momento de implicarse e coido que todos e todas temos que implicarnos xá.