“ESCASO, CAÓTICO E POUCO IMAXINATIVO” ASÍ CUALIFICOU CRISTINA FERREIRO O PROGRAMA DO SAN FROILÁN

“ESCASO, CAÓTICO E POUCO IMAXINATIVO” ASÍ CUALIFICOU CRISTINA FERREIRO O PROGRAMA DO SAN FROILÁN

Cristina FerreiroPara o BNG “non é normal que as grandes propostas deste San Froilán sexan orquestras máis ou menos significativas, artistas que se repiten dende hai tres anos e un violinista que actuou recentemente nun museo de Lugo”

Cristina Ferreiro criticou o feito de que non se lles dea ao grupos locais un papel secundario e non se lles permita compartir escenario cos artistas máis destacados que veñen ás festas lucenses ademais quedou vetado para eles o escenario máis grande das festas

Lugo, 25 de setembro 2014. A edil do BNG no concello de Lugo, Cristina Ferreiro, cualificou o programa de festas do San Froilán como “escaso, caótico e pouco imaxinativo”. Ferreiro sinalou, en canto á escaseza do programa, que “non hai programados concertos para a Praza de Santa María para as noites de dous días tan significativos como o sábado 4, comenzo das festas, e o Domingo das Mozas”. A respecto dos horarios dos concertos nas diferentes prazas, a edil do BNG dixo que “pode ser absolutamente caótico para a xente por que non hai dous concertos que sexan á mesma hora en cada un dos escenarios, está claro que non houbo unha planificación axeitada”. Ferreiro rematou dicindo que “non é programa imaxinativo, xa que cun presuposto de 650.000 euros non parece normal que os grandes espectáculos das festas sexan orquestras que podemos ver en calquera vila ou pobo da contorna ou grupos xa contratados para o ano pasado e que non se presentaron en Lugo”.

A edil nacionalista insistiu en que “para o BNG non é normal que as grandes propostas deste San Froilán sexan orquestras máis ou menos significativas, artistas que se repiten dende hai tres anos e un violinista que actuou recentemente nun museo de Lugo”. Cristina Ferreiro criticou o feito de que non se lles dea ao grupos locais un papel secundario e non se lles permita compartir escenario cos artistas máis destacados que veñen ás festas lucenses ademais quedou vetado para eles o escenario máis grande das festas “parece que se creou un getto para os grupos de rock lucenses e haberá un concerto conxunto de sete grupos e aos outros mándaselles tocar polas mañás apartandoos das horas de tarde-noite que é cando a xente está nas prazas,”.

“O feito de ter que adornar o libreto do programa con fotos de pasteis e vendedoras de garrapiñadas demostra a escaseza de contidos” dixo a edil do BNG que engadiu “tamén se recheou o programa anunciando a emisión de programas de radio ou a celebración da feira do Mel ou diversas exposicións no MIHL que nada teñen que ver co San Froilán”. “A falta de organización e previsión implica falta de información no programa “non sabemos, por exemplo, que grupos van actuar nas mostras que organizan a Asociación de Gaiteiros Galegos ou no Festival de Cultural Tradicional do día 11, tampouco” dixo Cristina Ferreiro. A edil nacionalista engadiu que “para este resultado non compre gastar 10.000 € na contratación dunha persoa externa á plantilla municipal como fixo o PSOE”.

Desaparición do San Froilán Miúdo

Dende o BNG criticouse tamén a desaparición do San Froilán Miúdo “as actuacións para os máis novos diluironse no medio do programa de festas”. Cristina Ferreiro dixo que “é outra mostra da desidía deste goberno municipal que se esquencen das nenas e nenos á hora de programar as festas”. En ningún sitio do programa de festas aparece referencia ás actividades para os cativos e non existe un espazo no que, a unha hora determinada, se desenvolvan actividades para os máis pequenos como viña sendo costume nos últimos tempos. “A cidadanía agradece que durante as festas exista un lugar de referencia e unha hora concreta para levar ás nenas e nenos a participar da súa festa” concluiu Cristina Ferreiro.

“ESCASO, CAÓTICO E POUCO IMAXINATIVO” ASÍ CUALIFICOU CRISTINA FERREIRO O PROGRAMA DO SAN FROILÁN