O BNG CELEBROU EN LUGO UNHA ASAMBLEA ABERTA BAIXO O LEMA CONSTRUINDO FUTURO
Na asamblea participaron persoas afiliadas ao BNG, simpatizantes e tamén outras persoas que se achegaron para participar neste proceso aberto iniciado polos nacionalistas
Dende o BNG estánse a promover asembleas abertas en todo o país buscando a integración de todas aquelas persoas que queiran ser partícipes dun proxecto nacionalista serio
Lugo, 25 de setembro 2014. O BNG celebrou hoxe unha asamblea aberta baixo o lema Construíndo Futuro no centro social Maruja Mallo. Alexandre Penas, responsábel local do BNG de Lugo, agradeceu a participación de todas as persoas comprometidas con este país e que aínda que non sendo afiliadas do BNG teñen claro que apoiar o noso proxecto político é importante para o noso futuro. Alexandre Penas explicou que nesta asamblea aberta participaron persoas que creen no futuro deste país e que se senten de esquerdas por que é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa na Galiza.
Dende o BNG estase a levar a cabo este proceso de participación por que o desafío que emprendemos necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos, que enarbolen a bandeira da loita pola democracia, a xustiza e a dignidade. Para o BNG é importante escoitar as propostas e suxestións de moita xente que, aínda que están fora da organización, teñen moito que dicirnos de cara a enfocar o futuro do BNG como fronte política.
O reponsábel local do BNG sinalou que vivimos nun momento en que é preciso mudalo todo. Nunca nas últimas décadas se amosou tan claramente que o actual réxime político está esgotado, política, social e institucionalmente. Para o BNG o soporte partidario do réxime, en forma de PP e PSOE, amósase cada día máis incapaz de xestionar un modelo que eles mesmos
crearon. Os nacionalistas pretenden que as eleccións municipais de maio de 2015 sirvan para ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo na Galiza.