O que fora o alcaldable máis novo de Galiza deixa a súa acta obrigado a emigrar por motivos laborais
O edil do BNG na Fonsagrada, Aitor Rodríguez, que accedeu ao cargo de concelleiro con 20 anos, renuncia ao seu cargo ao iniciar a súa andaina profesional en Bruxelas
O edil nacionalista será substituido pola veterana María Xosefa Ortiz de Galisteo Pérez que formou parte da candidatura nas pasadas eleccións municipais
A Fonsagrada, 8 de xullo 2016. O edil do BNG-Asembleas Abertas no concello de A Fonsagrada, Aitor Rodríguez, ven de anunciar a súa renuncia á acta de concelleiro xa que, declarou, como moitos mozos e mozas véxome sen alternativas laborais neste país e non me queda máis remedio que buscarme a vida na emigración. Aitor Rodríguez Vilagarcía foi o candidato alcaldable máis xoven de Galiza nas pasadas eleccións municipais do ano 2015 e accedeu ao seu cargo de concelleiro con 20 anos de idade.
Aitor Rodríguez rematou o Grao en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela, e tras encabezar por vez primeira unha candidatura do BNG-AA, viaxará á cidade de Bruxelas para desenvolver a súa vida profesional vencellado a programas de voluntariado. Rodríguez sinalou que a miña situación, neste momento, é similar á de centos de mozas e mozos que non atopan un futuro nesta terra e engadiu quede claro que somos moitas as persoas que queremos volver e traballar na nosa casa e que dende calquera parte do mundo traballaremos para que este país teña alternativas para poder voltar
O edil nacionalista cederalle a súa acta no vindeiro pleno da corporación á súa compañeira María Xosefa Ortiz de Galisteo Pérez, que xa fora concelleira do BNG na Fonsagrada en pasados mandatos. O concelleiro do BNG-AA agradeceu o apoio das compañeiras e compañeiros do BNG-AA que confiaron nel para encabezar esta candidatura ás vindeiras Eleccións Municipais, facendo especial mención a Xosefa Ortíz de Galisteo, quen o precedeu na representación do BNG nA Fonsagrada.