UN HORTO URBÁN PARA A XENTE FOI A PROPOSTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS

UN HORTO URBÁN PARA A XENTE FOI A PROPOSTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS

IMG_0094 Rubén Arroxo dixo que “está é unha demanda do BNG que Orozco se negou a executar, que a xente demanda e que contribúe a unha maior calidade de vida en Lugo”

Con unha ocupación simbólica do que será un espazo público, o BNG – Asambleas Abertas deixou preparado o terreo para a xestión veciñal de hortos comunitarios

Lugo, 8 de maio 2015. Un cento de cebolas, tres ducias de leitugas e algúns tomates foron as primeiras especies que poboaron o horto urbán público aberto por militantes e simpatizantes do BNG – Asambleas Abertas. O candidato á alcaldía, Rubén Arroxo, dixo que “ante a pasividade decidimos ocupar simbólicamente este terreo e levar adiante as labores precisas para poñer a funcionar un horto urbán público” e engadiu que “está é unha demanda do BNG que Orozco se negou a executar, que a xente demanda e que contribúe a unha maior calidade de vida en Lugo”.

Neste acto reivindicativo, que se efectivizou na parcela que no seu día ocupaba a factoría de Abella, participaron preto dunha trintena de persoas. Entre elas estaban compoñentes da candidatura do BNG – Asambleas Abertas, militantes e simpatizantes do BNG e persoas que quixeron apoiar esta iniciativa coa súa presenza e co seu traballo. A configuración do horto foi dirixida por Yann Pouliquén, un enxeñeiro agrónomo especialista en agricultura ecolóxica que forma parte da candidatura que encabeza Rubén Arroxo.

IMG_0129Arroxo sinalou que o barrio de Lamas de Prado sería un espazo idóneo para que o concello inicie este tipo de proxectos comunitarios xa que “conta con moitos espazos, moita poboación e ten a posibilidade de instalar os hortos preto das vivendas o que facilita que veciños e veciñas poidan desprazarse camiñando ata eles, cousa que non ocurre nos do paseo do Rato”.

Dende o BNG – Asambleas Abertas faise unha aposta pola implantación de hortos urbáns en diferentes zonas da cidade con fin de “buscar un lugar de ocio sostible para moitas persoas, contribuír ao mantemento de espazos públicos e implementar un recurso económico que pode resultar un interesante complemento ás rendas familiares”.

Compostaxe de residuos orgánicos da zona

Rubén Arroxo sinalou tamén que “no proxecto polo que nós apostamos está contemplada a posibilidade de instalar en cada un dos hortos urbáns zonas de compostaxe nas que veciños e veciñas poderían depositar os seus residuos orgánicos”. A creación destas zonas de compostaxe permitirían reducir considerablemente o número de toneladas de lixo que o concello de Lugo envía a SOGAMA, sobre o que Arroxo lembrou que “estamos a pagar arredor de 80 euros polo procesamento de cada tonelada”, e ademais fornecería de material para abonar os hortos ás persoas que os xestionasen.

UN HORTO URBÁN PARA A XENTE FOI A PROPOSTA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS