Intervención de Mario Outeiro no Acto Nacional de Desagravio ás vítimas do franquismo
Montecubeiro (Castroverde, Lugo). 13 de Outubro de 2013
Primeiramente quixera agradecer á Iniciativa Galega pola Memoria ternos proposto colaborar na organización deste acto. Hoxe máis que nunca fanse precisas por parte da sociedade civil iniciativas como esta para crear consciencia sobre a recuperación da memoria histórica e a xustiza coas vítimas da ditadura franquista.
Desde a Área de Cultura da Deputación temos ben clara a necesidade de afondar nas políticas da memoria. Temos desenvolvido un traballo arredor da memoria histórica xa desde anos atrás, ben a iniciativa propia con exposicións e eventos de diversa índole ou ben en colaboración con outros colectivos, destacando principalmente o tristemente clausurado proxecto Nomes e Voces. É por isto que amosamos sen dúbidas e desde o primeiro momento a nosa adhesión e colaboración con este acto nacional de desagravio ás vítimas do Franquismo.
Montecubeiro é un símbolo do que ocorreu en Galiza despois do golpe de estado de 1936: persecución programada contra os activistas dunha sociedade civil forte, plural e articulada, na que se tentaban consolidar conquistas sociais e nacionais que levaban anos formulándose. Unha sociedade civil na que as clases populares, as mulleres, os traballadores, tiñan capacidade de intervención e mecanismos para facer valer os seus dereitos. Contrasta isto coas políticas que hoxe se están a aplicar en Galiza e no Estado Español, que eliminan eses dereitos polos que tanto se loitou durante séculos e reprimen os movementos sociais contestatarios.
Aquí morreron, foron paseados ou fusilados os cidadáns máis libres e activos que facían parte da Unión de Labradores e organizaran a Biblioteca Popular, quince persoas que representaban un contrapoder fronte ao caciquismo. Moitos outros fuxidos, presos ou exiliados Entre estes quince, tres mulleres. Especial mención debemos facer á represión sobre as mulleres, invisibilizada nas estatísticas oficiais do réxime: ademais de mulleres mortas e encarceradas, que lles roubaron as crianzas, sufriron violacións, rapas, aceite de ricino e a desaparición da esfera pública por medio dun sistema fundamentado no machismo e no fundamentalismo católico.
Quince vítimas tan só nesta parroquia, 2500 orixinarios ou con veciñanza na provincia de Lugo e máis de 15000 en toda Galiza segundo os estudos de Nomes e Voces, que evidencian que non foi unha loita entre irmáns, nin rencillas persoais o que ocorreu despois de 1936, foi a aplicación dunha estratexia programada de eliminación e estigmatización do outro, partindo da negación da condición de persoa, unha aniquilación en toda regra. Esa estratexia programada de persecución política por parte da ditadura entra, polas súas formas, dentro dos presupostos que están definidos internacionalmente para identificar o exterminio e a práctica xenocida. É por isto que debemos acabar dunha vez coa impunidade dos seus perpetradores.
Non debemos obviar tampouco o que significou o proceso da Transición e as consecuencias que produciu en canto á memoria da vítimas. Foi un proceso pactado, atado e ben atado polas elites do réxime que supuxo unha continuidade, unha mera reforma do Franquismo en troques dunha creba democrática que demandamos moitos e moitas. Como resultado, a Lei de Amnistía actúa como unha lei de punto final que non permitiu xulgar os responsábeis dos crimes da ditadura.
Por tanto, non é suficiente con facer Leis de cara á galería que despois nin sequera cumpren quen as elaboran. Hai que ir máis alá. Por moito que nos pareza o contrario, a solución é política, e pasa porque as posicións que defenden os colectivos que traballan pola recuperación da memoria histórica sexan asumidas desde o poder lexislativo e levadas a último termo polos gobernos.
Hai unha Galiza mártir, a que debuxou Castelao e que viviron moitas familias de vítimas dun xenocidio que non pode seguir imperando nos lugares públicos. Verdade, Xustiza e Reparación eran as verbas de orde da loita contra a impunidade das ditaduras sudamericanas. Anos despois aínda están tristemente vixentes aquí.
Este acto debe ser un compromiso para facer actuacións políticas en desagravio das vítimas, o cal pasa polo axustizamento dos perpetradores, a eliminación da simboloxía fascista e a lexislación contra as actitudes que supoñan un enxalzamento da ditadura.
Quixera rematar a miña intervención cun fragmento dun dos poemas máis coñecidos do lucense Luís Pimentel, Cunetas:
Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.