Lugo e Rábade precisan unha conexión útil por ferrocarril
Olalla Rodil, candidata de Nós-Candidatura Galega, visitou o apeadeiro de Rábade e dixo queremos e podemos xestionar e deseñar o noso sistema ferroviario
Rubén Arroxo afirmou que o ferrocarril debería ser a conexión natural entre Rábade e Lugo pero somentes pasan dous trens cada día e nin siquera se pode mercar o billete
Rábade, 22 de novembro de 2015. Os voceiros do BNG Asembleas Abertas en Rábade e Lugo visitaron o apeadeiro do Ferrocarril na vila rabadense acompañados da candidata ao congreso por Lugo de Nós-Candidatura Galega, Olalla Rodil. Rubén Arroxo afirmou que o ferrocarril debería ser a conexión natural entre Rábade e Lugo pero somentes pasan dous trens cada día e nin siquera se pode mercar o billete en Rábade. Ámbolos dous voceiros nacionalistas demandaron unha conexión útil por ferrocarril entre as dúas localidades.
Pola súa banda a candidata ao congreso, Olalla Rodil, sinalou que este é un exemplo máis do abandono que sofren as conexións ferroviarias en moitos lugares do noso país e engadiu que Rábade é unha vila que conta con infraestrutura ferroviaria pero, sen embargo, está completamente illada da cidade de Lugo e da Coruña por esta vía.
Rodil destacou a importancia de que Galiza conte cunha representación en Madrid que defenda os intereses das galegas e galegos e apuntou que os partidos que toman as súas decisións a nivel estatal non se van preocupar por solucionar problemas que eles consideran provincianos. Rodil remarcou que unhas das apostas de Nós-Candidatura Galega é defender os sistemas de transporte útiles para as persoas e adaptados ás necesidades do país, ademais de defender a transferencia, a Galiza, da rede de ferrocarril por que queremos e podemos xestionar e deseñar o noso sistema ferroviario.
Iván Sangiao, voceiro do BNG Asembleas Abertas en Rábade criticou a falta e sensibilidade de ADIF que creou unha barreira para as persoas con problemas de mobilidade sen darlle, a día de hoxe, solución a pesares de todas as protestas veciñais que se levaron a cabo. Ademais explicou que en Rábade non se poden adquirir, de xeito físico, billetes para viaxar no tren e esto dificulta gravemente a mobiliade de persoas que non teñen acceso á rede de internet.