MÁIS DUNHA DÉCADA EN PLENO CASCO HISTÓRICO

MÁIS DUNHA DÉCADA EN PLENO CASCO HISTÓRICO

“NON É NORMAL QUE EN PLENO CASCO HISTÓRICO NON SE TOMEN MEDIDAS PARA EVITAR A PERPETUACIÓN DE VALADOS E GUINSATRES” DIXO PAZ ABRAIRA

O BNG presentou unha pregunta para clarexar a situación do guindastre e do cerramento de obra situado no Campo Castelo dende fai máis dunha década

O goberno municipal deberá investigar cal é a situación de todos e cada un dos guindastres e cerramentos de obras paralizadas

Lugo, a 27 de xaneiro de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, presentou unha serie de preguntas ao goberno municipal sobre a obra situada na praza do Campo Castelo. Abraira afirmou que “non é normal que en pleno casco histórico non se tomen medidas para evitar a perpetuación de valados e guindastres”. As preguntas foron formuladas ante comisión permanente ordinaria de urbanismo, infraestruturas, medio ambiente e zona rural celebrada hoxe no concello de Lugo. Abraira dixo que “se o concello non é capaz de chegar a un acordo co promotor deberá de obrigarlle a retirar o guindastre e a devolver o cerramento de obra á súa alineación orixinal”.

No caso do promotor do predio de Campo Castelo deixou de pagar as correspondentes taxas fai máis dun ano e o goberno municipal non chegou a un acordo para a retirada do guindastre nin para devolver o cerramento de obra á súa alineación orixinal. O BNG solicitou información sobre o estado no que se atopan as licencias do promotor para manter o guindastre e o valado de obra. Ademais, Abraira interesouse tamén por saber que medidas vai adoptar o concello para que o promotor cumpra coa legalidade vixente no caso de que, neste momento, non conte coas licencias actualizadas.

Recentemente viuse denunciado, a través da prensa e dunha pintura mural, a suposta infracción dun promotor pola situación dunha obra iniciada no Campo Castelo fai máis dunha década. A existencia dun valado de obra e un guindastre situado nesta praza supón un importante impacto visual dentro do casco histórico e “afea unha das zonas máis concorridas da cidade, tanto por lucenses, como por visitantes”.

Trato desigual para cidadáns e promotores

O BNG sinala que o concello debe de velar para que todas as persoas cumpran de igual xeito coas normativas vixentes. Abraira sinalou que “non se pode permitir que determinados promotores incumpran coas normas mentres ao resto de veciños e veciñas se lles obriga a cumprir puntualmente coas súas obrigas”. Para o BNG “non se pode dar un trato preferente aos promotores a pesares da situación de crise na que se atopa o sector da construción neste momento”. Abraira dixo que o concello ten que estudar os guindastres e os cerramentos de edificios en obra para saber en que situación se atopan.

MÁIS DUNHA DÉCADA EN PLENO CASCO HISTÓRICO