NIN SOMOS CORRUPTOS, NIN FACEMOS EXPERIMENTOS. O NOSO TRABALLO É SERIO E RIGOROSO DIXO ARROXO
O candidato do BNG Asambleas Abertas convidou a todas as persoas e entidades interesadas a participar no proceso de elaboración do programa para as eleccións municipais
Arroxo afirmou que somos os primeiros en comezar o traballo de elaboración do programa para Lugo por que sabemos quen somos, onde estamos e o que queremos
Lugo, 20 de xaneiro de 2015. O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, fixo un chamamento a todas as persoas e entidades interesadas a participar no proceso de elaboración do programa da formación que representa, para as eleccións municipais do vindeiro mes da maio. Arroxo dixo que nin somos corruptos, nin facemos experimentos, o noso traballo é serio e rigoroso e engadiu que somos xente normal e queremos que a xente normal nos diga cal é o modelo de concello que quere para vivir. Arroxo sinalou que nós non temos que agardar permisos de Madrid, nin estar pendentes das axendas de Santiago, nin das citacións xudiciais. A nosa única preocupación é Lugo e as persoas que viven aquí.
O candidato nacionalista afirmou que somos os primeiros en comezar o traballo de elaboración do programa porque sabemos quen somos, onde estamos e o que queremos. Arroxo anunciou a súa intención de contactar con todos os colectivos e entidades que traballan por e para Lugo por que sabemos que eles son os que xeneran e sosteñen gran parte da vida deste concello. O programa co que o BNG Asambleas Abertas se presentará aos comicios electorais formará parte dun proxecto de país para Galiza. O BNG xa ten demostrado, durante anos, as súas capacidades e o seu compromiso co país nos gobernos das cidades e vilas que goberna. Tamén é coñecida a acción do BNG nos concellos onde, dende a oposición, se ten feito unha tarefa construtiva en favor dos veciños e veciñas.
O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, lembrou que a Asamblea Aberta terá lugar mañá mércores 21 de xaneiro ás 20:00 horas no salón de actos do centro social Maruja Mallo. A partir deste primeiro encontro estableceranse mecanismos de traballo para incrementar os contactos coa sociedade lucense para completar o traballo de elaboración do programa electoral da candidatura BNG-Asambleas Abertas.