OROZCO EVITA O DEBATE SOBRE O NOME DAS RÚAS FRANQUISTAS
OROZCO EVITA O DEBATE SOBRE O NOME DAS RÚAS FRANQUISTAS
Para o BNG trátase dunha extensión dos amaños que PP e PSOE están facendo en Lugo
Cristina Ferreiro dixo que Orozco non ten moi claro cal sería a postura dalgúns dos seus concelleiros á hora de aprobar que Manuel Fraga teña unha rúa na cidade de Lugo
Lugo, 23 de xuño 2014. A edil do BNG, Cristina Ferreiro, informou hoxe sobre a decisión do goberno municipal en relación á proposta de retirada do nome das rúas franquistas no concello de Lugo. Estes cambios ían ser tratados no pleno do vindeiro luns, 30 de xuño, nunha proposta que incluía tamén a asignación de nomes a rúas de diferentes zonas. Foron retiradas da proposta todas as rúas nas que non houbo un acordo unánime na comisión celebrada hoxe. Para o BNG trátase dunha extensión dos amaños que PP e PSOE están facendo en Lugo. Cristina Ferreiro dixo que Orozco non ten moi claro cal sería a postura dalgúns dos seus concelleiros á hora de aprobar que Manuel Fraga teña unha rúa na cidade de Lugo
O debate plenario so recollerá a parte na que hai acordo unánime e, segundo Cristina Ferreiro o goberno municipal evita enfrentamentos co PP no día que depende do voto popular para aprobar o destino dos remanentes. Deste xeito quedarán fora do debate as propostas de substitución do nome de Xeneral Tella por Avelino Pousa Antelo; Comandante Manso por Mártires de Carral, Cedrón del Valle por Isaac Díaz Pardo, Teniente Coronel Teijeiro por Luis Peña Novo; Glorieta de Irmáns Pedrosa por Xaquín Lourenzo Xocas; Ruíz de Alda por Luis Cordeiro e Av de Ramón Ferreiro por Reimundo de Borgoña.
Tamén quedará fora do debate a proposta de nomear como Manuel Fraga a actual rúa de Ramón Montenegro e de nomear como Adolfo Súarez á rúa Carlos Azcárraga. Outro nomeamento que queda pendente é o do tramo da ronda interior da muralla que vai dende a praza do Cantiño ata a rúa do Teatro e que se levaría por nome, segundo a proposta inicial, Daniel Varela. A postura do BNG sobre este asunto é de sobra coñecida pola cidadanía pero mantense no lado oscuro a posición do PP e do PSOE ao igual que o amaño que fixeron para gastar os 13 millóns de euros dos remanentes das arcas municipais sinalou a edil do BNG.
Segundo informou a edil nacionalista, Cristina Ferreiro, durante a celebración da comisión a concelleira responsable, Carmen Basadre, decidiu que se retirasen as propostas antes sinaladas dos asuntos a tratar no pleno do vindeiro luns 30 de xuño. O voceiro do partido popular reclamou sobre o texto da acta da anterior comisión indicando que el mesmo solicitara a redación de diversos informes. O BNG non se opón á petición de informes, mais para os nacionalistas trátase dunha decisión política dixo Cristina Ferreiro e engadiu que ningunha das forzas podemos excusarnos tras dos informes dos funcionarios para afrontar a toma de decisións neste asunto.
Para o BNG está claro que López Orozco non quere abrir novos debates neste momento no que non é capaz de xestionar a folga de recollida do lixo e tampouco ten moi claro cal sería a postura dalgúns dos seus concelleiros á hora de aprobar que Manuel Fraga teña unha rúa na cidade de Lugo.
Rúas sen conflicto
Levaranse ao pleno, para a súa aprobación, un total de 22 nomes de persoeiro galegos destacados nas ciencias e nas letras para nomear novas rúas do Polígono das Gándaras. Na zona de Sanfiz (Zona SURK) asíngaráselle nome a dúas novas rúas que figurarán como Camiño de Sanfiz e Salvador Velayos. Asínaranse tamén os nomes de Glorieta 25 de novembro (día internacional contra a violencia de xénero) e rúa 8 de maio (día internacional da muller traballadora) na Zona N1-N2 NORTE B. Na zona de Paradai asignaranse os nomes de Sofía Casanova, Xardíns do Dr. Miguel A. González López e rúa Lucas Ferro Caaveiro. Recuperarase o nome da rúa Paradai para o tramo comprendido entre o fondo da rúa do Conde a rúa Río Sil.
Na mesma proposta asignarase o nome de Xardíns dos Conservatorios ao espazo axardinado próximo aos conservatorios de música e danza. A ronda interior da muralla recibirá o nome de Cortiña da Cerca para o tramo comprendido entre a rúa do Teatro e a Porta Falsa. A biblioteca da Piringalla chamarase Paco Martín e a escola infantil anexa será Escola Infantil María Wonenburger. Ademais o campo de fútbol do Ceao denominarase Campo Municipal de Fútbol José Carballido.