O BNG CRITICA QUE NON SE PROMOVA A PARTICIPACIÓN DA XENTE NA ORGANIZACIÓN DAS FESTAS DE SAN FROILÁN
Cristina Ferreiro lembrou que durante a etapa do BNG fóranse abrindo canles de participación e a elección do cartel das festas fixérase por votación popular
A edil nacionalista contrapuxo o modelo BNG no que se contaba coa opinión da xente e o modelo PSOE no que se privatiza por 10.000 euros a organización das festas
Lugo, 20 de xuño de 2014. A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Cristina Ferreiro, reclamoulle hoxe á Concellería de Cultura do Concello de Lugo que manteña a canle de participación creada polo BNG para que a cidadanía luguesa participe na elaboración, coas súas propostas, do programa das festas do San Froilán. Ferreiro lamentou que non se permitira a participación pública á hora de elexir o cartel que anunciará as festas deste ano tal e como se fixera cando o BNG tiña responsabilidades de goberno. A edil nacionalista contrapuxo o modelo BNG no que se contaba coa opinión da xente e o modelo PSOE no que se privatiza por 10.000 euros a organización das festas
Cristina Ferreiro lembrou que para o BNG é imprescindible que a xestión política conte con transparencia e a máxima implicación e participación social. No ano 2011, cando o BNG tivo a responsabilidade de organización das festas, xa se abriu esta canle participativa da cidadanía, continuando coa mesma durante o 2012. O BNG lamenta que o goberno municipal non dea mais pasos para implicar á cidadanía na participación das festas, agora que aínda estamos a tempo.
A nacionalista lembrou xa se habilitaran canles para a participación a través de internet para a captación das propostas cidadáns. O traballo esta feito, o éxito contrastado, só falta a vontade política do Concello de non limitar a participación da cidadanía concluíu Cristina Ferreiro. Por último a edil do BNG no Concello de Lugo dixo que para a súa organización política a participación foi e é sempre fundamental, cremos que hoxe en día ten que selo para todo xestor do público, insistir en que democratizar, promover a transparencia na xestión e a participación real da xente na mesma deben ser obxectivos prioritarios da política.