AS PAGAS EXTRAS DO CONCELLEIROS DEBERÁN SERVIR PARA EVITAR DESAFIUZAMENTOS

AS PAGAS EXTRAS DO CONCELLEIROS DEBERÁN SERVIR PARA EVITAR DESAFIUZAMENTOS

O BNG apoiará os orzamentos de 2013 se o goberno municipal atende aspectos relativo á potenciación dos servizos sociais, coidado do medio ambiente e efectuar algunhas actuacións “necesarias” para o concello

Hortos urbanos e reparto de composteiros son apostas de cara a mellorar a calidade medioambiental do concello e promover o aforro para os veciños e o propio concello

LUGO, 18 de decembro de 2012. Alexandre Penas, Antón Bao e Paz Abraira compareceron hoxe na súa condición de representantes do BNG na localidade de Lugo, para dar conta da posición adoptada, na asemblea local do BNG, respecto dos orzamentos municipais do concello de Lugo para o 2013. Dende o BNG trasladaránselle ao goberno municipal de Lugo unha serie de propostas para a súa inclusión nos orzamentos do 2013. Antón Bao explicou que o BNG fai propostas “cunha liña política clara que é a defensa das persoas que peor o están a pasar”. As propostas dos nacionalistas para estes orzamentos centraranse principalmente na atención social, a creación de programas de emprego e de mellorar o benestar no concello. Unha das propostas concretas do BNG é a de empregar os cartos que se aforren das pagas extras dos concelleiros, uns 46.000 €, en facer fronte aos recibos de hipotecas de lucenses qeu corren o risco de perder a súa vivenda.

Antón Bao anunciou que o BNG “aprobará os orzamentos se o grupo de goberno reficte as propostas do BNG nos orzamentos e despois a executa”. Segundo Antón Bao O BNG, “o esquema político do BNG para estes orzamentos non pasa solamente por poñer no papel cantidades para estes proxectos se non que deben de executarse de xeito efectivo e con criterio”. Bao engadiu que “ademais de facer propostas”, o BNG exercerá o seu labor de control e vixilancia “comprobando que nun prazo de 5 ou 6 meses estas propostas sexan executadas e non se convertan en papel mollado”. Esta é, segundo Bao, “unha actuación reponsable dende a oposición e o BNG vai a propoñer mentres que o PSOE terá que dipoñer se acepta as propostas do BNG”. Bao tamén sinalou que se “o grupo de goberno non acepta esta seríe de propostas será a súa responsabilidade política de cara a aprobar os orzamentos do vindeiro ano”.

Antón Bao afirmou que “cada máis xente acude ao concello pedindo axuda para non perder a súa vivenda polo tanto este é un dos eixos nos que temos que actuar dicididamente”. As propostas do BNG para os orzamentos municipais baséanse na ampliación das partidas de emerxencia social e dos programas de axudas para alugueiro. Para os nacionalistas é irrenunciable que os recursos en emerxencia social se amplien sobre todo nas partidas destinadas a axudar a pagar hipotécas e evitar desafiuzamentos nas primeiras vivendas. O BNG tamén esixirá que se amplíen as partidas para as axudas de gastos de mantemento da vivenda.

Bao tamén lembrou que foi a Área de Benestar da Deputación, dirixida polo BNG, a que puxo en marcha un plan de colaboración cos concellos para poder manter o servizo de teleasisntencia despois de que a Xunta retirase a dotación económica para este plan. O concello de Lugo destinará unha partida de 70.000 € para facer fronte á súa aportación para manter este servizo para os usuarios da teleasistencia no concello de Lugo.

En materia de emprego non se debe baixar nin un céntimo dos destinados a manter os programas de promoción do emprego. Outro das aspectos que destacou Bao foi que “facemos fincapé en manter vivo o proxecto de creación de naves de alugueiro para novos proxectos empresariais e demandamos que se manteña no orzamento de 2013 unha partida de 120.000 € ademais de pedir a implicación doutras administracións públicas o cofinanzamento necesario para realizar este proxecto”. Outra das esixencias do BNG é a de seguir xestionando outros proxectos como a creación dunha zona de baño no río Miño.

Pola súa banda a edil Paz Abraira sinalou que “a pesares de que para nos é unha prioridade a realización de obras novas si que hai certos compromisos cos lucenses que deben de efectivizarse”. Unha destas obras é o remate da ponte de Mera. Outra das prioridades marcadas polo BNG é a colocación de mobiliario urbano na nova praza da Milagrosa ou praza do Agro do Rolo. Abraira explicou que a dotación de mobiliario na praza do Agro do Rolo, xunto coa creación dunha zona de baño no río Miño, ían ser proxectos financiados polo Ministerio de Fomento. O concello debe de facer frente a estas actuacións. Outra das actuacións que sinalou Paz Abraira como fundamentais é a dotación dun ascensor no barrio do Sagrado Corazón.

No ámbito medioambiental o BNG reclama un orzamento específico para de iniciar un proceso de creación de hortas na zona urbana de Lugo. Paz Abraira dixo tamén que “o BNG non renuncia á creación dunha planta de compostaxe para Lugo”, como un primeiro paso os nacionalistas propoñen a posta en marcha dun programa de compostaxe caseira inciando este programa cun reparto de composteiros para as vivendas da zona rural e periurbana de Lugo.

O BNG pulará para que o orzamento do 2013 conte cunhas partidas destinadas á posta en marcha duns orzamentos participativos reais. Estas partidas estarán en distintas áreas: infraestruturas, medio ambiente, seguridade vial, cultura, deportes e participación cidadá. Estes orzamentos terá como obxectivo trasladar a distintas zonas do concello proxectos piloto no que os cidadáns digan o que precisan nos seus barrios.

Pola súa banda o responsabel local do BNG, Alexandre Penas, criticou “o desleixo da Xunta de Galiza e do goberno central en matería de benestar e servizos sociais” e engadiu que “o concello vese na obriga de garantir certas partidas básicas”. Penas sinalou como liñas básicas marcadas polo BNG para a aprobación dos orzamentos o benestar social, o emprego e a participación.

AS PAGAS EXTRAS DO CONCELLEIROS DEBERÁN SERVIR PARA EVITAR DESAFIUZAMENTOS