PAZ ABRAIRA ACUSA A OROZCO DE ENTREGA ABSOLUTA AOS INTERESES DE URBASER

PAZ ABRAIRA ACUSA A OROZCO DE ENTREGA ABSOLUTA AOS INTERESES DE URBASER

A portavoz do BNG foi identificada pola Policía Local por tirar fotos co seu teléfono do que estaba a acontecer

“O único que está a facer Orozco é velar polos intereses da multinacional, que dende logo non deixa os seus beneficios en Lugo. Ten aos veciños abandonados” afirmou Paz Abraira  

O Goberno socialista “permite que a empresa sexa a que decida que fai e como o fai, independentemente das necesidades da nosa cidade”

Lugo, 18 de xullo 2014.folga lixo (18-07-2014) 509 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo, por boca da súa voceira Paz Abraira, criticou duramente ao Goberno socialista presidido por López Orozco. Para a nacionalista o feito de que o PSOE utilice a Policía Local exclusivamente para defender os intereses da multinacional Urbaser pón de manifesto o estado de entrega do Partido Socialista en Lugo ante este conflito, diga o que diga o seu Secretario Xeral, o sr. Besteito.

Para o BNG, “a negativa do alcalde a convocar a Xunta de Portavoces demostra claramente que non quere explicar as decisións que está tomando e as ordes que está dando”. Asemade a nacionalista deu conta do “gravísimo engano aos cidadáns de Lugo” que supuxo a suposta ameaza de intervención do servizo á empresa que fixo o alcalde o venres pasado. “Unha vez consultado o expediente desta suposta intervención do servizo puidemos constatar como non foi máis que un amaño coa propia empresa para garantir que puidera seguir a prestar o servizo sen ter que buscar unha solución negociada á folga da limpeza” afirmou Paz Abraira.

Identificación policial

Para a nacionalista o acontecido no día de hoxe coa identificación dun traballador de Urbaser que facía fotos ao persoal traído de fóra que limpa a cidade custodiado pola policía, policía local que estaba a gravar a súa vez aos traballadores en folga, demostra con claridade de que parte está o alcalde de Lugo.

Para Paz Abraira, voceira do BNG, quen tamén foi identificada por tirar fotografías co seu teléfono do que estaba a acontecer e da identificación a que estaba sendo sometido un traballador, resulta a todas luces exemplarizante do que está a pasar na cidade de Lugo.  Paz Abraira insistiu ante os policías locais no “seu dereito a tirar fotos do acontecido” e nese momento foi identificada.

A voceira municipal lembrou a recente aprobación da denominada Lei Mordaza polo Partido Popular e chamou a atención de como o socialista Orozco se converte, por iniciativa propia, nun alumno avantaxado na aplicación de calquera medida que vai contra os dereitos fundamentais dos cidadáns. Para o BNG na práctica vese como tanto o PSOE como o PP coinciden a hora de apostar por unha cidadanía secuestrada e amordazada. “Que vai ser o seguinte, impedir que os turistas saquen fotos do lixo da nosa cidade?” ironizou.

Entrega absoluta do goberno socialista aos intereses da multinacional

Seguindo esta liña argumental o BNG lamentou que sexa a empresa Urbaser a que decida que fai e como o fai, independentemente das necesidades da nosa cidade. Paz Abraira lamentou que “a deixadez deste Goberno municipal resulta inaudita despois de máis de 30 días de folga; as mentiras son reiteradas e o único que está a facer Orozco é velar polos intereses da multinacional, que dende logo non deixa os seus beneficios en Lugo” sentenciou. Para o BNG a confluencia de intereses entre Goberno municipal e a empresa Urbaser é tal que o máximo responsable da Policía Local, o socialista Orozco, utiliza a estes traballadores públicos para blindar o Concello e os intereses de Urbaser.

Xa desde o inicio deste conflito laboral o BNG avogou pola negociación entre as partes para resolver o mesmo, unha negociación boicoteada desde o propio grupo de Goberno, xa que coas súas decisións á empresa non lle urxe en absoluto unha solución negociada, mentres a cidadanía segue a padecer as consecuencias.

Paz Abraira afirmou que “un alcalde que dá a calada por resposta sobre cal é o Plan de Acción que ten para resolver esta folga da limpeza demostra a súa incapacidade, a súa submisión e entrega absoluta a outros intereses que nada teñen que ver con esta cidade”

PAZ ABRAIRA ACUSA A OROZCO DE ENTREGA ABSOLUTA AOS INTERESES DE URBASER