O BNG ACUSA AO GOBERNO MUNICIPAL SOCIALISTA DE TER PARALIZADA A XESTIÓN DO CONCELLO
O grupo nacionalista presentará unha serie de preguntas á Comisión de Urbanismo sobre as esquecidas ordenanzas de ruído e publicidade
Paz Abraira lamentou que vai para ano e medio que se comezou o proceso para a súa renovación e, como noutros moitos temas, teñen todo paralizado
LUGO, 17 de xullo de 2014. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo anunciou a presentación dunha batería de preguntas, dirixidas á Comisión de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Lugo, en relación coa parálise no traballo de aprobación das ordenanzas de ruído e publicidade.
Estes procesos iniciáronse hai case ano e medio alegando o Goberno Municipal a súa teórica urxencia. Unha vez abertos os procesos, no cales tanto o BNG como outros colectivos e persoas interesados realizaron suxestións, este Goberno amósase incapaz de xestionar estes temas que tanto afectan á vida diaria de todos nós e das empresas do noso Concello dixo Paz Abraira.
Para a nacionalista estes atrasos forman parte xa da desidia dun Goberno ausente e incapaz, que xa é marca da casa, como demostra día si e día tamén coa multitude de obras pendentes e que tardan máis dun ano en ser contratadas desde que se aproba o gasto, e non será porque lles está a ocupar moito tempo a resolución do conflito do lixo, ironizou.
A Ordenanza Reguladora da Contaminación Acústica, coñecida como Ordenanza de Ruídos, é unha ferramenta necesaria cara a regular de xeito claro e completo a emisión de ruídos, xa que frecuentemente hai queixas que deben de ser atendidas e resoltas dende o Concello.
Paz Abraira incidiu en que para o BNG é fundamental que os ruídos que se emitan no concello de Lugo estean perfectamente regulados e que se garantan os dereitos das persoas, tanto de quen desenvolve unha actividade, como das persoas que son receptoras deses ruídos e que deben ter garantido o seu dereito ao descanso.
En canto á Ordenanza de Publicidade os nacionalistas tamén presentaran múltiples suxestións xa que o borrador inicial contiña, a xuízo do BNG, moitos baleiros e incongruencias.
Para rematar a nacionalista instou ao Goberno a poñerse a traballar e a promover a implicación na busca de consenso con todos os axentes sociais afectados.