O BNG PIDE AO CONCELLO QUE FAGA UNHA APOSTA POLO FEMINISMO NA PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2014

O BNG PIDE AO CONCELLO QUE FAGA UNHA APOSTA POLO FEMINISMO NA PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2014

Cristina Ferreiro: “Nestes tempos en que os dereitos das mulleres non deixan de ser pisados, o Concello debe posicionarse sempre que teña ocasión a prol das demandas do feminismo, a prol da igualdade”

 O BNG lembrou que no ano 2012, cando xestionou as festas, xa se lle dera un impulso e que é necesario continuar este camiño

Lugo, 18 de xullo de 2014.Cristina Ferreiro A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Cristina Ferreiro, reclamoulle hoxe á Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua que aposte na programación do San Froilán 2014 polas demandas do feminismo e polas mulleres. O BNG argumenta que nun contexto social de grave retroceso nos dereitos acadados polas mulleres é necesario que o Concello sexa proactivo en promover a visibilidade da muller en todos os ámbitos. Nesta liña a nacionalista dixo que “nestes tempos en que os dereitos das mulleres non deixan de ser pisados, o Concello debe posicionarse sempre que teña ocasión a prol das demandas do feminismo, a prol da igualdade”.

Cristina Ferreiro lembrou que no ano 2012, cando o BNG xestionou as Festas de San Froilán, xa se apostara por esta liña de traballo, dándolle un maior protagonismo ás mulleres que fan música no noso país en diferentes estilos. Ese ano, ademais de abrir as festas un grupo composto integramente por mulleres, propiciouse que o Domingo das Mozas fora protagonizado por mulleres en todas as accións, desde a ofrenda a Rosalía de Castro aos grupos que o protagonizaron, “convertindo así o Domingo nas Mozas nun día, ademais de festivo, tamén de reivindicación feminista e visualización do talento feminino no ámbito musical”

A concelleira do BNG solicitou polo tanto ao Concello que este Domingo das Mozas sexa un impulso para as demandas feministas e para as agrupacións compostas ou lideradas por mulleres, e que no resto da programación se nos permita ás lucenses e aos lucenses gozar co alto nivel artístico de moitas agrupacións e mulleres individuais existentes.

 

O BNG PIDE AO CONCELLO QUE FAGA UNHA APOSTA POLO FEMINISMO NA PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2014