Pola autodeterminación do pobo palestino!
Centos de civís inocentes mortos en Palestina. Isto é a crúa realidade que se está a vivir na franxa de Gaza. Unha masacre que unicamente responde á política xenocida practicada polo Estado Israelí baseada en detencións masivas, batidas policiais, asasinatos, na destrución de casas e infraestruturas básicas en definitiva, na destrución do pobo palestino.
É unha necesidade urxente que cesen de inmediato as hostilidades e ataques contra Palestina, porque o respecto á dignidade humana non é compatible co escenario de asasinatos, destrución, e de xenocidio calculado que dende Israel se está a exercer de maneira sanguinaria.
Non podemos, pois, permanecer impunes ante esta nova vaga de ataques indiscriminados do Estado de Israel, que están a causar ducias de mortos e miles de feridos, así como detencións ilegais masivas ante a indiferenza da Comunidade Internacional.
E nese sentido, dende o Bloque Nacionalista Galego, vimos denunciando esa pasividade amosada pola Comunidade Internacional ante semellante xenocidio. A Comunidade Internacional debe traballar conxuntamente para atopar o xeito de ser escoitada, de que os mandatos da ONU sexan considerados por Israel e evitar que milleiros de civís palestinos sigan perecendo nos constantes bombardeos de Israel.
Asemade, a Unión Europea debe contribuír a buscar unha solución definitiva a un problema que se vén arrastrando dende fai moito tempo, con consecuencias irreparábeis, e que non fai senón acrecentarse cada día que pasa.
O mundo occidental non pode seguir impertérrito ante un conflito que non so pon nunha situación delicada aos países árabes. O Estado Israelí debe comptender que nada se consegue nin se resolve con accións terroristas e que o mellor para todos é que se poña do lado da legalidade internacional, cumprindo as resolucións de Nacións Unidas. O respecto dos dereitos humanos e a restauración da xustiza en Oriente Próximo so se logrará co recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo palestino.