O BNG DE LUGO SOLICITA DE NOVO A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE PORTAVOCES

O BNG DE LUGO SOLICITA DE NOVO A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE PORTAVOCES

urbaser concelloHoxe os traballadores en folga entraron no Concello e foron identificados por un gran grupo de policías locais e nacionais, moitos deles vestidos de paisano

 “O alcalde de Lugo manifestou a semana pasada que era mellor estar calado e así o fixo cando a multinacional rexeitou a proposta do mediador, que si aceptaron os traballadores. Agora sae a defender a Urbaser deixando á veciñanza desamparada” afirmou Paz Abraira  

 O BNG manifestou o seu malestar polas decisións do equipo de Goberno e solicitou ao Secretario Xeral dos Socialistas que interveña

Lugo, 22 de xullo 2014. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo, por boca da súa voceira Paz Abraira, volveu a reclamar a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces do Concello de Lugo para que o alcalde Orozco dea explicacións das decisións que está a tomar e das que pensa tomar nun futuro. Para os nacionalistas a xestión deste Equipo de Goberno é mais parte do problema que da solución. “Son incapaces de facerlle fronte a un dos maiores problemas que ten a día de hoxe a nosa cidade. A solución ten que ser unha solución negociada ou, de non ser así, a rescisión do contrato á multinacional” dixo a portavoz do BNG.

Para o BNG o alcalde ten abandonados aos veciños e ás veciñas de Lugo. Paz Abraira lembrou que “o alcalde de Lugo manifestou a semana pasada que era mellor estar calado e así o fixo cando a multinacional rexeitou a proposta do mediador, que si aceptaron os traballadores. Agora sae a defender a Urbaser deixando á veciñanza desamparada” afirmou Paz Abraira.

Para o BNG este alcalde só é quen de facer amagos de presión ante Urbaser. En ningún momento está a executar as súas “supostas ameazas administrativas. A suposta intervención do servizo non foi máis que un lavado de cara”, pero está claro que “estaba acordada coa empresa nos termos xustos en que foi executada, de maneira que non había ningunha vontade real de intervir nada”.

A voceira nacionalista tamén lamentou que o socialista Orozco e con el o PSOE de Lugo sexan nestes momentos os alumnos avantaxados da Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular, convertendo a Lugo nun verdadeiro Estado Policial. Nesta liña a portavoz do BNG dixo que  “Orozco, responsable directo da policía en Lugo, ten posto a estes funcionarios ao servizo exclusivo de Urbaser. Os cidadáns preguntámonos porque non ten esta ansia cando se trata de dar ordes a estes funcionarios encamiñadas a unha mellor convivencia dos veciños ou a evitar os problemas derivados da presenza de lixo nas rúas e na zona rural”. A nacionalista fixo estas declaracións no contexto dunha casa consistorial totalmente tomada pola policía local e nacional, e  na que identificaron a un gran número de traballadores en folga.

“Son moitos os lucenses que comezan a preguntarse por que se dá unha actitude tan tibia por parte do Goberno municipal ante os reiterados incumprimentos do contrato por parte desta empresa”. Para Paz Abraira resulta evidente a confluencia de intereses entre Urbaser e o Goberno municipal. Para o BNG “é necesario que o Secretario Xeral dos socialistas galegos, tamén concelleiro na cidade, tome cartas neste asunto e lle explique aos cidadáns de Lugo a actitude do PSOE, claramente de parte”.

O BNG DE LUGO SOLICITA DE NOVO A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE PORTAVOCES