O BNG DE LUGO REXISTRA UNHA INICIATIVA PARA QUE O PLENO SE MANIFESTE CONTRA O XENOCIDIO A PALESTINA
O Grupo Municipal do BNG lembrou que os cidadáns e as cidadáns de Lugo xa teñen amosado a súa indignación por este tema en múltiples ocasións
Levamos esta iniciativa a Pleno para que a corporación se manifeste contra o silencio cómplice da comunidade internacional, incluído o Estado Español afirmou Paz Abraira
Lugo, 23 de xullo 2014. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo, rexistrou hoxe unha Proposición sobre o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra Palestina. Así o anunciou hoxe a voceira municipal dos nacionalistas Paz Abraira lembrando que en Lugo "tristemente xa temos saído á rúa en múltiples ocasións por este tema". Neste sentido animou aos lucenses a manifestar a súa indignación ante o silencio que a comunidade internacional, incluído o Estado Español, mantén con este xenocidio. Buscamos que esta indignación sexa compartida e apoiada por toda a Corporación Municipal, dende logo o BNG si a comparte dixo a concelleira.
Esta proposición busca ademais que o Concello de Lugo condene o criminal ataque perpetrado polo Estado de Israel, solicita a finalización do bloqueo contra a faixa de Gaza, apoia o boicot a todos os niveis ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respecte os dereitos do pobo palestino así como que o Estado Español abandone a súa actitude pasiva diante deste conflito e esixa o cumprimento do Dereito Internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito ao retorno da poboación palestina a súa terra.
Paz Abraira lembrou que nas últimas semanas foron asasinadas centos de persoas en Gaza como consecuencia das ansias imperialistas do Estado de Israel, e que esta estratexia de aniquilación non se limita á masacre dos últimos días, senón que a política xenocida practicada polo Estado de Israel, a base de detencións masivas, asasinatos, destrución de casas e infraestruturas vitais pode calificarse como crime de lesa humanidade.
Lembrou a nacionalista que ata o propio Parlamento Galego aprobou no pasado mes de maio, unha resolución unánime a prol do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas para pór fin ao sometemento do pobo palestiniano e recoñecer os seus dereitos colectivos.