O BNG CRITICA A INCAPACIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL PARA DAR RESPOSTAS AOS CIDADÁNS E Á OPOSICIÓN
Paz Abraira fixo estas declaracións á saída da Comisión de Festas onde os socialistas demostraron unha vez máis a súa incapacidade á hora de explicar as contas do San Froilán 2013
A preguntas concretas feitas pola concelleira nacionalista Paz Abraira tanto Orozco como Basadre alegaron o seu descoñecemento respondendo literalmente "que non eran especialistas na materia
Lugo, 23 de xullo 2014. Hoxe o Concello de Lugo celebrou unha reunión da Comisión de Festas onde se presentaron as contas do San Froilán do ano 2013. Nesta comisión tanto o alcalde como a concelleira de cultura, Carmen Basadre, foron incapaces de responder ás preguntas que o BNG fixo sobre diferentes aspectos das contas presentadas. A preguntas concretas feitas pola concelleira nacionalista Paz Abraira tanto Orozco como Basadre alegaron o seu descoñecemento respondendo literalmente "que non eran especialistas na materia e remitindo á concelleira da oposición a consultar directamente no Servizo de Intervención" dixo Paz Abraira.
As festas de San Froilán 2013 xa foran cualificadas polos nacionalistas como frías, a pesar do bo tempo, e xa amosaran a súa oposición a un xeito de programar de costas aos veciños, desmontando calquera camiño iniciado no seu día polo BNG para que os veciños e as veciñas participaran activamente tanto na programación como no desenvolvemento das festas dixo Paz Abraira.
Para o BNG a incapacidade deste Goberno municipal é manifesta, é evidente, e reflíctese día si e día tamén nas accións que acomete e na imposibilidade de dar respostas ás preguntas que a oposición e tamén os cidadáns se fan sobre numerosos asuntos de ámbito municipal