UN PROGRAMA ESCASO QUE BAIXA AOS GRUPOS DE LUGO DOS ESCENARIOS
Os eventos en escenarios pasan de 48 a 18 en comparación co ano 2012 dixo Antón Bao
O BNG criticou a falta de participación de colectivos lucenses que participaban e estaban implicados na organización das festas
Lugo, 9 de setembro de 2013. Tras a celebración da xuntanza da comisión de festas na que se lles entregou aos grupos políticos un borrador do que será o programa do San Froilán, e tras unha primeira valoración, o voceiro do BNG no concello de Lugo asegurou que o programa é escaso a pesares de contar cun orzamento similar. Bao lembrou que no ano 2012, cando as festas foron organizadas polo BNG, houbo un total de 48 eventos en 4 escenarios mentres que este ano están previstos 18 eventos e 2 escenarios.
Antón Bao dixo que, nunha primeira análise, percibimos a falta de participación e protagonismo de colectivos que estaban implicados e participaban nas festas. Este é o caso dos colectivos vencellados á artesanía, o deporte popular, e ás actividades físicas que o ano pasado organizaron actividades durante as festas no parque de Rosalía de Castro ou festivais como Zumbanocoiro ou Festival de Noso no escenario do Campo Castelo. Bao advertiu a desaparción, tamén, do festival de maxía posto en marcha o ano pasado no aparcadoiro do edificio do antigo seminario e que tivo un considerable éxito.
Outra das críticas do voceiro nacionalista recaeu, unha vez máis, na contratación dunha asistencia técnica para a elaboración do programa de festas. Unha contración, na que se gastaron 10.000 , e que agora se demostra a súa ineficacia. Para o BNG tamén resulta lamentable que se aille aos grupos lucenses que este ano non terán a oportunidade de tocar nos dous únicos escenarios da festas, que este ano quedarán reducidos ás prazas de Sta. María e Horta do Seminario.