RUBÉN ARROXO DEMOSTROU QUE EN GALEGO, COMUNICÁMONOS ATA COA NEVE
O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, animou dun xeito singular á participación na mobilización en defensa do idioma este domingo en Santiago
A manifestación a favor da lingua está convocada pola plataforma Queremos Galego, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego!
Lugo, 6 de febreiro de 2015. O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, animou á participación na manifestación promovida pola plataforma Queremos Galego para este domingo 8 de febreiro. Aproveitando a nevarada destes días, Rubén Arroxo, deixou patente sobre a neve o seu apoio á mobilización en defensa do noso idioma.
Rubén Arroxo dixo que o BNG amosa o seu total apoio á manifestación a favor da lingua que ten convocada para este domingo 8 de febreiro en Compostela a plataforma Queremos Galego, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego! Fai un chamamento a toda a xente para que participe, con independencia da súa cor ideolóxica, pero co obxectivo común de evitar que o idioma do país esmoreza coa perda diaria de falantes.
Neste sentido, Arroxo lembrou que Feijóo chegou ao goberno da Xunta en 2009 upado por unha campaña ignominiosa en base imposición do galego e, desde entón, afondou no desprestixio, no abandono e na exclusión da lingua do país. Entre as evidencias deste desleixo cando non agresión ao idioma propio, Rubén Arroxo citou a redución das axudas públicas para a promoción do galego, -cun recorte do 70% desde que Feijóo ocupa San Caetano-, e o polémico decreto do plurilingüismo que limita o uso do galego no ensino.
O candidato do BNG Asambleas abertas sinalou que levaremos como compromiso electoral nos comicios municipais impulsar o uso do idioma en todos os concellos do país, como xa está a facer agora onde goberna, convertendo o galego na lingua de uso na institución e nas relacións con terceiros. Unha forma de empezar esa recuperación, recalcou, é que se cumpra toda a normativa e a lexislación aprobada, empezando polo Plan Xeral de Normalización Lingüística e tamén a ordenanza municipal de uso do idioma.