RUBÉN ARROXO DIXO QUE “TEMOS QUE APOSTAR POR UN CONCELLO INCLUSIVO”

RUBÉN ARROXO DIXO QUE “TEMOS QUE APOSTAR POR UN CONCELLO INCLUSIVO”

IMG_7806“Un chicle no chan pode ser un problema de mobilidade para algunhas persoas, temos que velar por que a accesibilidade sexa unha sensibilidade transversal a todas as áreas do concello” sinalou Arroxo

O candidato do BNG–Asambleas Abertas visitou as instalacións de COGAMI para coñecer as demandas deste colectivo que atende, en Lugo, a máis de dúas mil persoas

Lugo, 12 de marzo 2015. O candidato BNG – Asambleas Abertas por Lugo, Rubén Arroxo, visitou o centro que COGAMI ten en Lugo. Arroxo, que estivo acompañado pola número dous da candidatura e polo responsábel local do BNG, mantivo unha xuntanza coa dirección do centro para coñecer as demandas deste colectivo que, en Lugo, atende a máis de dúas mil persoas. Para a candidatura do BNG – Asambleas Abertas “é necesario apostar por un concello inclusivo, no que todas as persoas teñan unha vida o máis normal posible, independentemente das súas capacidades físicas”.

Arroxo, acompañado pola dirección do centro, visitou parte das instalacións de COGAMI para coñecer as preocupacións das persoas que participan das actividades que desenvolve esta entidade. Arroxo dixo que “ademais das axudas que as administracións teñen que aportar para manter a actividade deste tipo de entidades, compre un dialogo constante para mellorar pequenas cuestións que dependen da xestión municipal e que melloran considerablemente a calidade de vida de todas as persoas”.

Rubén Arroxo referiuxe á necesidade de impulsar campañas de sensibilización da cidadanía para que certas prácticas irresponsabeis, que complican a vida das persoas que teñen mobilidade reducida, sexan eliminadas. Arroxo sinalou que “un chicle no chan, ou un coche mal aparcado, pode ser un problema de mobilidade para algunhas persoas” e “temos que velar por que a accesibilidade sexa unha sensibilidade transversal a todas as áreas do concello”. O candidato do BNG-Asambleas Abertas apuntou tamén que “hai que instalar contedores do lixo que sexan accesibles e estudar, nas zonas de ocio infantil, a implantación de columpios accesibles para nenos e nenas con dificultades de movemento”.

“Non é de recibo que a concesión das chamadas licencias express poña en perigo o necesario cumprimento das normas básicas de accesibilidade que deben cumprir as construcións” dixo Rubén Arroxo e engadiu que “temos que tender a establecer unha conta cero nos accesos aos edificios públicos e mellorar e accesibilidade ás zonas de lecer da cidade”. Tamén existen, en determinados barrios, beirarrúas que dificultan o movemento para as persoas con cadeira de rodas. Outra das propostas da candidatura do BNG – Asambleas Abertas será que as prazas de aparcamento de discapacitados se situen, cando sexa posible, nas marxes esquerdas para que as persoas non teñan que baixar cara onde circulan os vehículos.

RUBÉN ARROXO DIXO QUE “TEMOS QUE APOSTAR POR UN CONCELLO INCLUSIVO”