RUBÉN ARROXO DIXO QUE ONDE VIVE TANTA XENTE NON SE PODE PERMITIR A EXISTENCIA DE BASUREIROS
Arroxo afirmou que nin Orozco, nin Castiñeira se van a enfrentar aos bancos nin aos construtores para facerlles limpar a merda que deixaron en Lugo
O candidato do BNG Asambleas Abertas visitou o barrio de Lamas de Prado e a zona de Abella para convidar a veciñas e veciños a participar no acto que mañá se celebrará no centro social ás 20:00 horas
Lugo, 11 de marzo 2015. O candidato BNG Asambleas Abertas por Lugo, Rubén Arroxo visitou o barrio de Lamas de Prado e a zona de Abella para convidar a veciñas e veciños a participar no acto que mañá se celebrará, mañá xoves 12 de marzo, no Centro Social Díaz Castro ás 20:00 horas. Arroxo referiuse ás fincas que se atopan cheas de maleza e escombros e afirmou que nin Orozco, nin Castiñeira se van a enfrentar aos bancos nin aos construtores para facerlles limpar a merda que deixaron en Lugo. Para Arroxo o estado do barrio é moi mellorable e dixo que onde vive tanta xente non se pode permitir a existencia de basureiros.
O BNG convocou este acto aberto despois de que o pleno da corporación aprobara, por unanimidade, a iniciativa dos nacionalistas na que se pedía un plan de intervención integral para esta zona. Rubén Arroxo anunciou que abordaremos cal é situación do barrio e explicaremos cales son as nosas propostas para mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesta zona. Arroxo apuntou como principais problemas o abandono das rúas, a falta de limpeza, a presenza de barreiras arquitectónicas o que, para o candidato nacionalista pon en evidencia a falta de atención a unha das zonas con maior número de poboación do Concello.
Para o BNG son patentes as queixas dos veciños e veciñas xa que, ata agora, non houbo respostas concretas por parte das distintas concellerías para facerlle fronte ás situacións que se crean no día a día deste barrio da nosa cidade. Arroxo lembrou que o BNG reclamou en múltiples ocasións a realización de programas específicos de atención a esta zona da cidade, que por ser barreira entre a zona urbana e a non urbanizada da zona da Abella ten características que requiren accións específicas que este concello non desenvolve.
Rubén Arroxo destacou a necesidade de realización dun plan de mellora viaria que inclúa a rehabilitación integral das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e mantemento adecuado de todo o mobiliario urbano. Os nacionalistas reclaman tamén a posta en marcha dun programa de atención ás zonas verdes do barrio que inclúa a análise do estado do arborado e a aplicación de medidas fitosanitarias adecuadas que permitan o uso do mobiliario urbano e a minimización das molestias aos veciños das vivendas máis próximas a dito arborado.