O servizo de bombeiros non pode camiñar cara a privatización
Nun encontro con profesionais do parque de bombeiros os nacionalistas sinalaron que hai que reforzar os servizos públicos municipais e non deixar que morran
Para o BNG Asembleas Abertas se non se toman medidas ao final deste mandato a plantilla quedará reducida a uns 23 bombeiros
Lugo, 11 de novembro de 2015. Concelleiros do BNG Asembleas Abertas están a manter entrevistas cos bombeiros que forman todos os turnos nos que están dividido o corpo para prestar o servizo. Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitarán durante toda esta semana a todos os profesionais da plantilla para coñecer o funcionamento do parque de bombeiros do concello de Lugo. Rubén Arroxo anunciou que o grupo que representa levará unha iniciativa ao vindeiro pleno por que é necesario que o goberno municipal tome medidas para que o corpo de bombeiros conte cos medios humanos e materiais precisos.
Arroxo sinalou que fai vintedous anos a plantilla do parque de bombeiros de Lugo estaba formada por 54 profesionais, neste momento a cifra invertiuse e son 45 os bombeiros que neste momento atenden o servizo. A pesares de que as recomendacións internacionais sinalan que debe haber un bombeiro por cada 1.000 habitantes. Un dos problemas é a falta de renovación e Rubén Arroxo informou que cando remate este mandato quedará soamente a metade da plantilla actúal.
O BNG Asembleas Abertas pedirá que a corporación que se cubran as prazas necesarias para completar a plantilla e que se faga un plan de reposición bianual para que o corpo se vai renovando cunha periodicidade lóxica. Neste momento, dos 45 bombeiros, 6 están en situación de interinidade dende fai máis de 6 anos e dende aquela non houbo novas incorporacións á plantilla. Arroxo dixo que o servizo de bombeiros no pode camiñar cara a privatización e engadiu que non permitiremos que o PSOE deixe morrer de inanición este servizo como xa fixo co de augas ou está a facer cos servizos electro-mecánicos.
Actualización equipos de comunicación e localización
Ademais da demanda principal, que é a de dotación de persoal, os integrantes do corpo de bombeiros tamén demandaron unha actualización dos equipos de comunicación e localización que son do século pasado e nada teñen que ver coa tecnoloxía da que dispoñen outros parques de bombeiros do noso entorno.