VEIGA ACUSA AO PP DE COMPLICIDADE CO ALCALDE DE BARALLA E DE APOIAR NA SOMBRA AS SÚAS VERBAS

VEIGA ACUSA AO PP DE COMPLICIDADE CO ALCALDE DE BARALLA E DE APOIAR NA SOMBRA AS SÚAS VERBAS

Os nacionalistas entenden que “Capón só é a persoa que lle puxo voz ao que na intimidade pensan os líderes do PP empezando por Barreiro e seguindo por Balseiro e Feijóo” 

O Grupo Provincial do BNG urxe a Elena Candia que pida desculpas ás vítimas da violencia franquista por levantarse durante a reunión da Xunta de Portavoces e non condenar o franquismo

Lugo, 9 de agosto de 2013.  Antonio Veiga, deputado nacionalista e vicepresidente da Deputación lucense, tilda de “lamentábel”,  “inadmisíbel”  e “covarde” a actitude que manteñen os dirixentes do Partido Popular de Lugo e Galiza tras as declaracións realizadas polo alcalde de Baralla e deputado provincial, Manuel González Capón, nas que fixo apoloxía do franquismo e a violencia.

Á saída da Xunta de Portavoces da institución provincial, reunida esta mañá tras a solicitude presentada polo Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego ante a gravidade, tanto no plano político como xurídico, das afirmacións do rexedor municipal ao que os populares se negan a reprobar e pedir a súa dimisión de todos os seus cargos na vida política, Antonio Veiga asegurou que “o Partido Popular continúa  situándose do lado dos verdugos e non dos demócratas”.

“O presidente do PP na provincia de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, o seu secretario provincial, Xosé Manuel Balseiro, e o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, están a usar ao alcalde de Baralla como cabecilla. González Capón non é máis que a persoa que lle pon voz  ao que no seu íntimo pensan  Barreiro, Balseiro e Feijóo” – sentenciou o deputado nacionalista.

Para o tamén vicepresidente da Deputación insiste en que “non só a alcalde de Baralla faltou ao respecto ás vítimas do franquismo e ás súas familias,  senón que tamén o fixo a portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, levantándose da Xunta de Portavoces. A portavoz dos populares marchou da xuntanza dun órgano colexiado no que se trataba de buscar unha solución a este conflito; ela, e polo tanto a formación á que representa, burláronse, unha vez máis, de todos os galegos e galegas asasinados polo franquismo. Candia  levantouse para non ter que pronunciarse sobre este asunto e calar covardemente como fixo o seu partido xa fai un ano cando se levou a pleno a retirada de honores a persoas do franquismo”.

“Estamos certos –concluíu Antonio Veiga- que a opinión do PPdeB, do Partido Popular de Bárcenas, Barreiro e Balseiro, non se corresponde coa opinión da maioría dos afiliados de base da organizacións, os cales estamos seguros que condenan o franquismo. Por iso, lle pedimos que se os seus líderes non son capaces de rexeitar a violencia do franquismo o fagan eles e pidan a dimisión do alcalde de Baralla e dos líderes que o apoian”.

VEIGA ACUSA AO PP DE COMPLICIDADE CO ALCALDE DE BARALLA E DE APOIAR NA SOMBRA AS SÚAS VERBAS