SEGUNDO O VOCEIRO DO BNG EN BARALLA “SE O PP SE DESCULPA O ALCALDE TEN QUE DIMITIR”

SEGUNDO O VOCEIRO DO BNG EN BARALLA “SE O PP SE DESCULPA O ALCALDE TEN QUE DIMITIR”

Para o BNG “Un alcalde que fai unhas afirmacións dese tipo non pode seguir nin un minuto máis no sillón da alcaldía”

O edil nacionalista, Xosé M. Becerra, cualificou de “hipocresía” a actitude de Feijoo e Barreiro por  excusarse nunhas desculpas a destempo para tratar de tapar unhas afirmacións tan graves

Baralla, 9 de agosto de 2013. O voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, saíu ao paso das declaracións feitas dende o partido popular nas que se excusan as verbas de González Capón. Becerra criticou a hipocresía do PP, do sr. Barreiro e do Sr. Feixoo por  excusarse nunhas desculpas a destempo para tratar de tapar unhas afirmacións tan graves. Hai que lembrar que González Capón,  que aínda segue ostentado os cargos de alcalde de Barralla e deputado do provincial na Deputación de Lugo, afirmou no transcurso dun pleno municipal que “os que foron condenados a morte” durante o franquismo “será que lo merecían”.

O voceiro municipal do BNG en Baralla, X. M. Becerra, fai fincapé en que esas afirmacións se realizaron no pleno do 26 de xullo e as desculpas non foron inmediatas nin moito menos, senón que se produciron dez días despois, circunstancia que pon en evidencia  a falacia dos argumentos do Partido Popular. Para o BNG é “inadmisible que o PP non teña obrigado a dimitir a González Capón ” xa que, segundo Becerra “a gravidade dunha postura como a que evidenciou o alcalde de Baralla non permite que siga nun cargo institucional da democracia unha persoa que defende as actuacións dun rexime totalitario”.

Becerra explicou que en política, en calquera situación, a petición de desculpas implica necesariamente a asunción de responsabilidades políticas. No caso do alcalde de Baralla, para o BNG, esta asunción de responsabilidades implica a demisión inmediata. “Un alcalde que fai unhas afirmacións dese tipo non pode seguir nin un minuto máis no sillón da alcaldía” dixo Xosé Manuel Becerra.

Apoloxía do terrorismo

As afirmacións do alcalde de Baralla poderían ser consideradas como apoloxía do terrorismo ou do xenocidio fascista, e hai que lembrar que este tipo de actuacións están penadas pola lei noutros paises europeos e no propio estado español. Para o BNG “non é só a sociedade galega e os veciños e os veciñas de Baralla que viviron, sufriron ou padeceron a represión franquista os que reclaman unha reparación por estes feitos”. A sociedade en xeral esixe unha actitude coherente do partido popular que que implica a demisión do alcalde. Para Becerra “non é admitible a hipocresía do PP que pretende tapar con demagoxia un feito de extrema gravidade”.

Outras dimisións

O BNG lembra que, por exemplo, o exdeputado do PPdeG José Manuel Castelao Bragaña presentou a súa demisión como presidente do Consello Xeral de la Ciudadanía Española no Exterior despois da polémica desatada por unhas palabras súas nas que dixo que "as leis son como as mulleres, están para violalas", ou o caso de Antonio González, edil do PP en Rincón de la Victoria (Málaga), ao que en febreiro deste ano o PP obrigou a dimitir por comparar a PSOE e IU cos “asesinos mafiosos etarras” .

SEGUNDO O VOCEIRO DO BNG EN BARALLA “SE O PP SE DESCULPA O ALCALDE TEN QUE DIMITIR”