A XUNTA ELUDE RESPONSABILIDADES SOBRE A CONTRATACIÓN DOS EX-TRABALLADORES DE SEQUOR
Cosme Pombo anunciou que o BNG presentará no Parlamento Galego unha Proposición non de Lei pedindo que a totalidade dos traballadores sexan subrogados pola nova empresa
LUGO, 22 de maio de 2013. O parlamentario do BNG Cosme Pombo visitou, unha vez máis, aos traballadores da empresa SEQUOR que permanecen acampados diante da sede da Xunta en Lugo. Pombo realizou esta visita para entregarlles unha copia da resposta que a Xunta deu ás preguntas presentadas polo BNG no Parlamento Galego. Segundo Cosme Pombo con esta responsta a Xunta trata de eludir todas as responsabilidades nun caso sin precedentes.
Cosme Pombo, en representación do BNG, manifestoulles aos traballadores o seu apoio e do grupo parlamentar nas reivindicacións que están a levar a cabo, unhas reivindicacións xustas nas que o PP se desentende, posicionándose en contra dos traballadores unha vez máis. Ademais Cosme Pombo manifestou a súa incredulidade por que a Xunta non faga cumprir a lei ás empresas concesionarias da consellería de Traballo.
Os traballadores, que levan máis de un mes acampados, manifestaron que manterán a súa postura ata que a nova empresa e a Xunta cumpran coas súa obrigas e os traballadores sexan subrogados. A empresa de seguridade SEQUOR era a adxudicataria dos servizos de vixilancia no Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, as residencias universitarias LUG-II e a Dirección Provincial do SERGAS, na provincia de Lugo con 15 traballadores. A totalidade dos traballadores cumpren cos requisitos para seren subrogados pola nova empresa adxudicataria.