“AS PRIMEIRAS PARROQUIAS SERÁN AQUELAS ÁS QUE A AUGA PODE CHEGAR POR GRAVIDADE DENDE PENARRUBIA COMO ADAI, STA. MARÍA ALTA E O VERAL” SINALOU ARROXO

“Os 500.000 € do Plan Único da Deputación deben ser para iniciar a instalación do abastecemento no rural”

IMG_3368

O BNG-AA levará ao Pleno unha proposta para poñer en marcha un Plan Plurianual cos fondos provinciais e solucionar o abastecemento de auga no rural

“Os 500.000 € do Plan Único da Deputación deben ser para iniciar a instalación do abastecemento no rural”
Lugo, 8 de abril 2017. Rubén Arroxo anunciou nunha xuntanza con veciñas e veciños das parroquias de Sta. María Alta e do Veral que o BNG-AA levará ao Pleno Municipal unha iniciativa para que se inicie a instalación dunha rede de abastecemento no rural cos fondos procedentes do Plan Único da Deputación. Arroxo explicou que se trataría dun Plan Plurianual no que se irían destinando os fondos procedentes do organismo provincial a crear unha rede de abastecemento no rural. O voceiro do BNG-AA dixo que “estes fondos poderíanse ampliar con parte dos remanentes que ano tras ano xenera este concello pola incompetencia do goberno municipal que é incapaz de executar todo o orzamento”.

O Plan Único foi unha proposta do BNG na Deputación que garante que o concello de Lugo recibirá anualmente unha cantidade fixa de cartos e que será o propio concello quen poderá definir o uso deses cartos. Neste primeiro ano 2017 o concello de Lugo recibirá 500.000 euros, e esta cifra manterase nos vindeiros anos. O BNG-AA aposta por que estes fondos se destinen ao rural do concello e “entendemos que unha das débedas coas persoas que viven no rural é dar solución ao abastecemento e saneamento de augas”.

Arroxo explicou que “é evidente que a implantación dunha rede de abastecemento de auga será complicada no extenso rural do concello de Lugo e é posible que nalgunhas zonas sexa practicamente imposible” e engadiu “temos posibilidade de, nunha primeira fase, achegar a rede de abastecemento a aquelas parroquias que se atopan nas inmediacións dos depósitos de Penarrubia e ás que a auga chegaría por gravidade”. Ás parroquias ás que se referiu o voceiro do BNG-AA son as de Sta. María Alta, O Veral e Adai e precisou “tamén habería que rematar de achegar o abastecemento a algunhas zonas da parroquia de Orbazai nas que aínda están pendentes deste servizo”.

No caso de Adai a condución de auga potable pasa polo medio e medio desta parroquia e a pesares desto os veciños e veciñas non teñen posibilidade de conectarse á rede. En canto ás parroquias de Sta. María Alta e o Veral “sería relativamente sinxelo conducir a traída de auga dende Penarrubia e daríase solución ás persoas que viven ou teñen vivendas nestas parroquias”.

“Os 500.000 € do Plan Único da Deputación deben ser para iniciar a instalación do abastecemento no rural”