A PROPOSTA INICIAL É PARA INSTALAR AS ROTONDAS EN SAN FERNANDO E NA INTERSECCIÓN DA RÚA CASTELAO COA RONDA DA MURALLA

O BNG-AA propón dúas rotondas para iniciar o proceso de eliminación dos semáforos da ronda

IMG_1775

Rubén Arroxo dixo “entendemos que deben ser provisionais por que son máis baratas, débese probar a súa eficacia e o obxectivo ten que ser a peonalización da ronda”

O BNG-AA propón dúas rotondas para iniciar o proceso de eliminación dos semáforos da ronda
Lugo, 10 de abril 2017. Rubén Arroxo apostou pola creación de dúas rotondas provisionais na ronda da Muralla para iniciar o proceso de eliminación dos semáforos “trátase de conseguir maior fluidez do tráfico agora que se conseguiu reducir considerablemente a velocidade dos vehículos e a cantidade de tráfico que transita arredor da Muralla”. Rubén Arroxo dixo “entendemos que deben ser provisionais por que son máis baratas, débese probar a súa eficacia e o obxectivo ten que ser a peonalización da ronda”. A proposta do BNG-AA non vai na liña de facer grandes obras nin rotondas axardinadas por que “estas terán que desaparecer pronto e a súa vidal útil rematará ao peonalizar a  ronda”. Arroxo sinalou que “o obxectivo é dar fluidez ao tráfico e non facer obra pública”.

A proposta inicial é para instalar as rotondas en San Fernando e na intersección da rúa Castelao coa ronda da Muralla, “son dous puntos nos que o tráfico pode fluír sen semáforos, facilitando a circulación e mellorando a seguridade das persoas nos cruces e nos pasos de peóns”. A instalación dos rotondas suporía o apagado dos semáforos nestes puntos. “As rotondas poden definirse con bolardos e con sinalización horizontal e vertical sen realizar obras maiores” indicou Arroxo que explicou “o obxectivo non ten que ser encher a ronda de rotondas se non avanzar cara a peonalización definitiva”.

A rotonda na praza de Asturias podería dar continuidade á circulación dos vehículos que acceden á ronda da muralla dende a rúa Castelao e a rúa do Teatro sen a obriga de que os que circulan pola ronda teñan que estar parados como sucede agora co sistema de semáforo. O mesmo ocurre en San Fernando cos vehículos que entran á ronda dende a Av. da Coruña e o interior da Muralla. Ademais das rotondas compre a sinalización con pasos de peóns no entorno das rotondas para dar prioridade ás persoas sobre os vehículos.

O BNG-AA propón dúas rotondas para iniciar o proceso de eliminación dos semáforos da ronda