ESTE SÁBADO COMEZA A QUINTA EDICIÓN DA CAMPAÑA O NOS MERCADO É UN AGASALLO
O acendido das luces de Nadal na Praza de Abastos e no Mercado Municipal da comezo á campaña de Nadal
Este sábado comeza a quinta edición da campaña O nos Mercado é un Agasallo
Todas as persoas que realicen unha compra de máis de 40 euros na Praza de Abastos e Mercado durante os días de promoción recibirán agasallos promocionais
Lugo, 15 de novembro de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou o inicio da campaña de Nadal na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, co acendido das luces de Nadal de ambas instalacións. Cristina López afirmou que "co alumeado de Nadal queremos convidar á veciñanza de Lugo a que se achegue á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal e que coñeza os produtos de primeira calidade que se venden nestas dúas instalacións históricas".
O acto contou coa animación musical da agrupación Claustromusical e cunha degustación de productos dos distintos postos da Praza.
A Praza e o Mercado contan en total con 57 elementos decorativos, 12 arcos de luces no interior, 2 arcos na entrada da Praza e unha árbore central de 5 metros de altura. En total, o alumeado conta con 107.600 leds repartidos entre ambas instalacións.
Cristina López lembrou que "todas as persoas que realicen compras por valor de 40 euros ou máis nos distintos postos da praza recibirán un agasallo", e lembrou que "só na primeira mañá desta campaña o ano pasado, os distintos postos da praza facturaron máis de 16.000€". Este ano, a promoción terá lugar os días 18 e 25 de novembro, 2, 9, 16, 23 e 30de decembro.
A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.