AS RUADAS TERÁN LUGAR EN DISTINTOS PUNTOS DE LUGO DURANTE TODO O MES DE XULLO

A área de Cultura leva á Banda Municipal á rúa coas Ruadas da Escola Municipal de Música

Maite Ferreiro: “seguimos traballando para garantir a continuidade dunha banda con máis de 100 anos de existencia”

A área de Cultura leva á Banda Municipal á rúa coas Ruadas da Escola Municipal de Música

Lugo, 06 de xullo de 2020. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o ciclo Ruadas da Escola Municipal de Música, co que se pretende achegar a música da nosa banda ás distintas rúas de Lugo. “Continuando cos distintos proxectos para animar os paseos pola cidade e fomentar deste xeito o comercio local, decidimos facer esta mostra dos distintos grupos da nosa Banda Municipal”, informou Maite Ferreiro.

Maite Ferreiro declarou que “desde a área de Cultura seguimos traballando para garantir a continuidade dunha banda municipal con máis de 100 anos de historia”. Para a edil de Cultura, “trátase dunha maneira de achegar a cultura á veciñanza de maneira segura ante a actual crise sanitaria”.

As Ruadas da Escola Municipal de Música comezarán este martes 7, ás 18 horas na rúa da Raíña co grupo de Vento-Madeira. O mércores 8, o grupo de Vento Metal tocará ás 18 horas no Parque de Rosalía, mentres que o mércores 9 estarán ás 11 na praza de San Marcos.

O día 14, o grupo de saxos  situarase a partir das 11 na praza da Soidade. Para o mércores 15, o grupo de Vento Madeira repetirá en Bispo Aguirre a partir das 11, e o venres 16 a praza da Milagrosa contará co grupo de Vento-Metal pola tarde, a partir das 18 horas.

Na última semana das Ruadas, o grupo de Vento-Madeira situarase o martes 21 na praza de Armanyá, diante da subdelegación de goberno a partir das 18 horas. O mércores 22, o grupo de saxos situarase en Santo Domingo a partir das 11, e o xoves 23, as Ruadas rematarán co grupo de Saxos ás 18 horas en Campo Castelo.

Maite Ferreiro animou á veciñanza “a pasear por Lugo e coñecer a calidade das nosas músicas e músicos”.

A área de Cultura leva á Banda Municipal á rúa coas Ruadas da Escola Municipal de Música