CRISTINA LÓPEZ: “ESTAMOS A COMPROBAR QUE ESTAS INICIATIVAS, ADEMAIS DE TRANSMITIR COÑECEMENTOS, CONTRIBÚEN A FORTALECER O TECIDO COMUNITARIO"
A Área de Participación do Concello de Lugo impulsa un novo curso de poda en Santa Cristina de San Román con gran acollida veciñal
Esta actividade enmárcase na programación de cursos que a Tenencia de Alcaldía desenvolve ao longo do ano co obxectivo de dinamizar o rural e promover a aprendizaxe continua entre a cidadanía
Cristina López: “Estamos a comprobar que estas iniciativas, ademais de transmitir coñecementos, contribúen a fortalecer o tecido comunitario"
Cristina López: “Estamos a comprobar que estas iniciativas, ademais de transmitir coñecementos, contribúen a fortalecer o tecido comunitario"
04 mar. 2026 - 09:51
Lugo, 03 de marzo de 2026. A Área de Participación do Concello de Lugo vén de poñer en marcha un novo curso de poda de árbores froiteiras na parroquia de Santa Cristina de San Román, unha iniciativa que rexistrou unha elevada participación e unha excelente resposta por parte da veciñanza.
A concelleira responsable da área, Cristina López, asistiu ao inicio da actividade e subliñou a importancia de achegar este tipo de formacións ás parroquias do rural. “Estes cursos teñen unha grande acollida porque responden ás inquedanzas reais da veciñanza. Dende o Concello traballamos para levar ao rural aquelas formacións que nos demanda a propia cidadanía”, sinalou.
A acción formativa céntrase nas técnicas básicas de poda, un aspecto fundamental para garantir a correcta produción e o desenvolvemento das árbores froiteiras. Durante as sesións, as persoas participantes reciben formación teórica e práctica, abordando cuestións como os momentos axeitados para realizar a poda ou o uso correcto das ferramentas segundo o tipo de intervención.
López puxo en valor non só o contido técnico do curso, senón tamén o seu impacto social: “Estamos a comprobar que estas iniciativas, ademais de transmitir coñecementos, contribúen a fortalecer o tecido comunitario e fomentan a participación activa da veciñanza. É tamén unha maneira de apoiar ás asociacións parroquiais e de seguir achegando recursos formativos de calidade”.
Esta actividade enmárcase na programación de cursos que a Área de Participación desenvolve ao longo do ano co obxectivo de dinamizar o rural e promover a aprendizaxe continua entre a cidadanía.